Dos aplausos aos feitos

Moitas persoas saímos ás 20h aos balcóns a aplaudir ao persoal sanitario, que están convertidos nos grandes referentes da loita contra esta pandemia. É loable, e dende logo ten un simbolismo claro e positivo. Pero debemos ser conscientes de que non é suficiente.

O persoal sanitario ven sufrindo durante anos recortes e limitacións na súa tarefa habitual. Persoal eventual que pasa anos contratados por semanas ou por días alternos, sen vacacións, sen poder saber que debe facer mañá ou se pode pensar en algo parecido a organizarse a vida. Persoal que cada vez é menos, que ten máis tarefas de papeis e ordenador e, paradóxicamente, cada vez menos tempo para atender aos seus pacientes.

Este persoal estou seguro que agradece os aplausos, así o di, pero tamén agradecería que non nos esquezamos del mañá. Porque seguirá sendo o persoal que atende aos nosos maiores enfermos no hospital, o que resolve a angustia do que lle pasa á nosa filla, ou o que nos detecta a tempo un problema que se pode resolver antes de que vaia a máis. Non cometamos o erro de volver a acordar da sanidade cando é urxente, porque entón non nos decataremos de que sempre é importante. 

Nos últimos días moitos profesionais sanitarios galegos viron, dun día para outro, como eran plantados na rúa cando estaban dando o mellor de si contra o virus. Ben porque foron contaxiados ou ben porque alguén pensou que isto xa estaba solucionado, pero o caso é que foron considerados prescindibles. De hoxe para mañá. O caso “solucionouse” porque, curiosamente, cando a indignación creceu e a polémica foi coñecida houbo quen dixo que foi “un erro” ou “un malentendido”. Dúas veces. En poucos días. Casualidade. Un pregúntase que pasaría se non se tivese feito público o asunto...

Así que lembren que hai que aplaudir, pero hai tamén que botarlle unha man aos sanitarios. Facerlles caso. Reclamar que teñan mellores medios. Atender cando nos din que os recortes son un desastre social. Toca defendelos, fronte aos poucos covardes impresentables que lles poñen carteis anónimos nos edificios pedindo que non volvan a casa e, sobre todo, contra os que miden o patriotismo no tamaño da bandeira e non no número de enfermeiros. E hai que andar alerta porque, cando chegan as 20h para aplaudir, todos estes saen tamén ao balcón.

Dos aplausos aos feitos

Te puede interesar