Emerxencia sanitaria e responsabilidade individual

Estamos en estado de emerxencia sanitaria. Probablemente isto supoña unha grave preocupación para moita xente, e con toda a razón. Probablemente sexa incluso angustioso, e é comprensible. Probablemente sexa a única vez na nosa vida que pasemos un escenario así, e será o desexable. Pero, o que é seguro, é que debemos ser responsables.

Debemos ser responsables porque temos quen nos guíe e nos indique o que facer. Aquí, máis que nunca, estamos orgullosos do noso sistema sanitario. E o noso sistema sanitario é o persoal, un excepcional conxunto de homes e mulleres a quen nunca agradeceremos o suficiente todo o seu traballo hoxe, mañá, dentro dunha semana, dun mes, e tamén o das noites que salvan vidas en aparente anonimato, o das horas invertidas en coidar á nosa xente querida.

Debemos ser responsables porque necesitamos selo para colaborar co outro. Protexernos é protexer aos demais, dixo o Presidente do Goberno. E dixo ben. É motivo de satisfacción que hoxe saibamos o que é a curva de progresión dunha infección, e como podemos freala. Dúas razóns son fundamentais: 1) non distribuir e repartir indiscriminadamente un virus que pode non dar síntomas en min, ou pode non ter diferente gravidade nun corpo adulto sano, pero pode ser un desastre en persoas maiores, enfermos ou asmáticos. 2) non colapsar o sistema sanitario. O aumento dos casos, que chegará, e un uso intensivo do sistema (comprensible dende o punto de vista humano) pode colapsar o sistema sanitario.. A cidadanía debe ser máis responsable que os que decidiron recortar anteriormente en sanidade. Tamén aquí loitaremos contra os recortes.

A responsabilidade está, por tanto, en ser ordenados, en ser conscientes. Estamos ante unha situación de emerxencia. Non estamos ante a peste bubónica, pero isto non é un xogo de campamento de verán. Viviremos unha situación inédita, excepcional. E por tanto debemos comportarnos de maneira excepcional. Con sensatez, sen pánico que leve a difundir que imos morrer todos ou que hai que desabastecer os supermercados. Contribuíndo a que todos, especialmente os colectivos en risco, síntanse protexidos. Fagamos caso aos que saben.

A responsabilidade non está, dende logo, en se hai que mover ou non unhas eleccións. Que se faga, non é relevante. E a outra cousa. Estamos ante unha emerxencia sanitaria, aínda que pareza que o primeiro que lle preocupou a algún era como xestionar as eleccións en función de se lle interesaba, ou non, movelas. Os dirixentes con mando deben preocuparse de xestionar a situación, de dar resposta aos sanitarios que demandan máis medios, de reprogramar cirurxía non urxente e abrir plantas pechadas en hospitais para ter máis camas, de liberar quirófanos, de abrir liñas de axudas a empresas e autónomos, de reorganizar calendarios escolares, de manter en funcionamento os servizos sociais… Aí está a súa responsabilidade.

Somos e seremos responsables. Debemos selo. Enormes apertas virtuais, a distancia.

Emerxencia sanitaria e responsabilidade individual

Te puede interesar