En defensa dos acordos

nha vez baixado o telón das campañas electorais, é imprescindible saber cambiar o foco e ser o máis produtivo que se poida a partir do que a cidadanía sabiamente decide. Traducido: está moi ben discutir moito en campaña, para diferenciarse e facerse ver, pero agora debemos (en primeira persoa do plural) ser útiles. 
Que é ser útiles? Pois é dar resposta aos retos serios, falar das cousas que afectan no día a día das persoas e tamén plantexar cómo serán as vilas, cidades e o país de dentro de 10 ou 15 anos. Non creo que exista ninguén que pense que o escenario político e os equilibrios de partidos ou liderados non se van a mover na próxima década, sería raro. Poden manterse uns, pero cambiarán outros. Por tanto, ninguén ten a verdade absoluta nin a lexitimidade de afrontar os problemas en solitario. As eleccións dan maiorías, si, e deben ser obviamente tidas en conta, pero por enriba diso están os obxectivos.
Vemos estes días como moitos partidos, en diferentes lugares, apresuran a poñer moitas liñas vermellas. Como se houbera unha frívola competición a ver quen veta máis aos demáis. Todos temos as nosas preferencias, e así debe ser, pero entre o que desexamos e o que podemos hai unha distancia. A labor da política é facer que esta distancia sexa o máis pequena posible, pero negar que existe significa obcecarse en solucións imposibles.
Téñolle cada vez máis medo ao purismo, porque poucas cousas hai que dividan tanto. Nestas próximas semanas haberá que ter acordos para os gobernos dos concellos e do país. Seguro que aparecerán moitos a criticar que existan eses acordos. E non tardarán en pronunciar esas máxicas expresións de “xa se están repartindo sillóns” ou “antes discutían e agora chegan a acordos, con tal de mandar…”. E non lles digo nada cando se cheguen a acordos que permitan que a xente que traballa teña un salario a fin de mes, xa ven que atrevemento! O máis divertido será, sen dúbida, escoitar a asesores de partidos criticando que se nomeen asesores de partidos. Xa saben que é moi fácil falar da ética, sobre todo da dos demais. Un clásico. Agardo non facerlle moito caso, e seguir sendo consciente de que os que máis falan da pureza son os que nunca dirixen nada.
Eu aplaudo aos que cheguen a eses acordos, e ben sei que algúns me gustarán máis e outros menos, pero tamén sei que sen entendernos non conseguimos nada. E creo, sinceramente, que é mellor para os cidadáns que existan acordos imperfectos entre opinións distintas a que quede todo parado porque somos todos moi orgullosos. 

En defensa dos acordos

Te puede interesar