Enfermar en Arousa é un deporte de risco

Arousa é un dos lugares máis fabulosos que eu coñezo para vivir, pero nos últimos tempos estase convertindo nun lugar fatal para enfermar.  Se vostede que lee esto vive en Cambados saberá de sobra que a redución de persoal deixará sen servizo polas tardes ao centro de saúde, onde xa hai esperas de máis de 10 días. Se vive en Catoira saberá que a atención do pediatra é cada vez máis inexistente e hai que desprazarse a Vilagarcía, onde precisamente debera existir un centro de saúde novo, porque non é de recibo a situación de saturación e o estado do edificio de San Roque, como todos podemos comprobar. Se non hai ese novo ambulatorio é porque o lugar ideal que é a antiga Comandancia de Marina está bloqueado polo Porto e a Xunta, aos que se lles acaban as excusas pintorescas e que, sinxelamente, non queren que se faga. Se son vostedes de O Grove non lles soará raro que se insista na mesma necesidade dun novo centro de saúde, e se son de A Illa saberán que primeiro lles prometeron un novo, logo lles marearon e lles dixeron que se arranxaría o anterior, logo que se arranxaría menos do prometido e aínda vamos a ver…
Sexa vostede de onde sexa en Arousa saberá que cada vez hai menos persoal no Hospital do Salnés, que vai quedando en ser un ambulatorio grande e onde a terceira planta pasa pechada e sen usarse case a metade do ano porque non se contrata persoal. Saberá vostede que quedamos sen a metade dos médicos de medicina interna, a metade dos urólogos, ou que o último neurólogo contratado que facía falta no Salnés fai o seu traballo en Pontevedra, e non aquí, dende o primeiro día. Saberá que se fixeron obras en urxencias pero non se puxo máis persoal. Saberá, ao contrario que os que hoxe deciden sobre esto, que fan máis falta os médicos que os ladrillos.
Pero non queda aí a cousa, porque vostede como persoa que vive en Arousa saiba que hai médicos moi recoñecidos que reclaman que teñamos unha mellor atención para quen teña a desgracia de sufrir un infarto. Saiba vostede que se ten ese problema, ou un familiar, ou un amigo, non temos unha ambulancia medicalizada para que o asista rápidamente e en condicións, como é necesario. E saiba que non o levan ao hospital máis cercano para atendelo, que sería Santiago, senón a Vigo, e aínda que á Xunta parece que non lle importa. E que houbo a quen o cambiaron de ambulancia en medio dunha gasolinera, pero tampouco importa. 
Que lle ocorre á sanidade en Arousa? Somos máis rabudos e somos peores pacientes? Todo pode ser, pero non parece a explicación. Agardo que non sexa a casualidade, pura casualidade, de que en Vilagarcía, O Grove, A Illa, Cambados ou Catoira, onde hai os maiores problemas, non goberna ningún “amigo” da Xunta. Se cadra non é que sexamos malos enfermos, se cadra é que somos malos votantes e ao señor Feijoo lle parece que debemos pagar condena quedando sen sanidade de calidade. En fin, será todo unha casualidade pura, mera coincidencia, seguro. Pero o que é real é que, hoxe, enfermar en Arousa é un deporte de risco.

Enfermar en Arousa é un deporte de risco

Te puede interesar