O Estado de Alarma é o dilema do prisioneiro

Dous compañeiros de traballo saben que van recibir un aumento de salario repartido entre ambos. Cada un deles tamén sabe que se pide quedar con todo, será concedido. Pero se ambos piden quedar con todo, ninguén leva nada. Que faría vostede? Conformaríase cun pequeno aumento o arriscaría o todo pola nada? Este é o clásico “dilema do prisioneiro”.

O Estado de Alarma en España (e en Galicia) é un escenario indesexable para calquera, pero sería impensable afrontar unha crise como a actual querendo só que ocorran as cousas que un quere. Lémbrame as historias na miña casa de cando eu era pequeno e seica unicamente quería comer filetes con patacas. Menos mal que eu era un crío que aínda non tiña por que entender todo e que a miña familia sempre tivo algo de sensatez. E menos mal que aínda hai neste país bastante sensatez e podemos seguir afrontando esta crise cos medios legais axeitados. Se fora por algúns que se opuxeron o luns habería que volver ao colexio, os autónomos quedarían sen ningunha prestación, habería que volver ás salas de espera do centro de saúde, montarían millóns de persoas apelotonadas no transporte público e faríamos autoestradas gratuítas para virus.

Por que hai persoas en política que están en contra do estado de alarma? Pois porque, como no clásico dilema mencionado, é máis rendable individualmente deixar vendido ao outro e botarlle todas as culpas. Así, un pode quedarse coa parte boa. Era moi apetecible non sentirse responsable das medidas duras de confinamento, pero é bonito agora apuntarse calquera mínimo avance na recuperación de espazos de liberdade. Era difícil limitar actividade económica, pero é moi bonito dar unha palmada do lombo para outorgar permisos. Era fantástico sentirse líder na crise, pero é máis complicado tomar medidas para paliar os efectos. Por eso é triste comprobar como, entre cooperar e competir, a prórroga dun estado de alarma que está salvando vidas é un debate que non debera case nin existir. Compartir decisións, distribuír responsabilidades, asumir esforzos colectivos. Eso sería o desexable.

Lamentablemente non estamos niso. As guerras cortoplacistas de quen, precisamente, máis calados debían estar, métennos a todos nun problema. O que debemos saber tamén é que, volvendo ao “dilema do prisioneiro”, o beneficio individual é efímero e circunstancial. As conquistas colectivas de dereitos (aínda que tamén de obrigas) acaba por construír piares máis sólidos.

Xa sabemos que hai moito espazo para traballar conxuntamente. Pero tamén sabemos quen está noutra estratexia. Sabemos quen prefire tomar decisións coa calculadora electoral na man. E deberían saber, e comezo por Galicia, que ningún calculo electoral merece a irresponsabilidade de poñer en risco a toda unha sociedade como teñen feito.

O Estado de Alarma é o dilema do prisioneiro

Te puede interesar