Europa, ou non

s recentes acordos no seo da Unión Europa son celebrados por case todos como un avance nas relacións entre países e, fundamentalmente, como un bo camiño para afrontar a reconstrución económica e social que temos por diante (sobre a que, por certo, é imposible estimar contas ben axustadas porque aínda non coñecemos nin o impacto real que terá a pandemia...cando pase).
Non entanto, é relevante atender a como se encamiñaron estes acordos. Cabe ter en conta que, sen dúbida, sabemos o que se quere que saibamos, pois os meollos das negociacións quedan portas adentro. Xa sabemos que canto máis retransmitida é unha negociación menos probabilidade de éxito ten, e canto máis bombo lle da unha parte a unha proposta é que menos interese teña en que sexa aceptada. Tampouco é menor ser consciente de que todos os líderes europeos falan para dous públicos: un son os interlocutores (os outros países), que agardan posicións moderadas e de flexibilidade; outro son os seus votantes (o seu propio país), que normalmente agarda furibundas defensas do propio. Así que, con todas estas realidades contraditorias entre si, máis mérito ten o acordo.
Con todo, unha evidencia asolaga o acordo final. A ideoloxía socioeconómica cede ante os criterios nacionalistas. Nos últimos anos escoitamos a suposta existencia dun debate norte – sur, no que nos chegaba unha idea deformada de que había tipos altos, rudos, arios, aburridos e que só sabían traballar pensando que nos aquí eramos todos un vagos, que nos insultaban e que viñan a expoliar as nosas costas como piratas de ultramar de séculos atrás. Non quero pensar que imaxe, tamén distorsionada, chegaba alí do que dende aquí pensabamos. Estes enfrontamentos, meramente identitarios e tribais, non levaron a ningún lado.
Nas recentes semanas soubemos que o noso “inimigo” era Holanda, nun exercicio simplista pero eficiente de atopar alguén a quen odiar como método para unirse máis. Un exacerbado nacionalismo que esquecía que a defensa dos acordos debe facerse pola conciencia da colaboración colectiva na redistribución dos bens, atendendo a que o crecemento acompañado de todos os países de Europa será bo para o conxunto. Ou, basicamente, que aos alemáns venlle ben que Italia non afunda porque os italianos tamén teñen que poder comprar coches Audi e cociñas Siemens. Holanda erraba, baixo o meu punto de vista, pero non por ir contra nós senón por defender modelos económicos de desigualdade entre persoas, que é distinto.
Así o conto, pouco reparamos en que os socialdemócratas suecos, tantas veces servidos como exemplo, tampouco aceptaban as nosas propostas de entrada, e que a conservadora Merkel ou o liberal Macron foron, esta vez si, aliados importantes. O nacionalismo como criterio principal de negociación separa Europa, que naceu precisamente para unificar e non para ser unha mera confluencia de intereses particulares. Os acordos son bos, históricos, pero se non somos quen de entender que os debates deben ser sobre persoas e non sobre territorios estaremos perdendo a batalla contra nós mesmos. E imos por ese camiño.

Europa, ou non

Te puede interesar