Festas de sempre no século XXI

Non hai moitos anos nos que, seguindo o patrón estándar do país, a festa máis celebrada era aquela que traía o concerto máis caro, o artista que máis saía en televisión e promovía máis o sentimento patrio de xerarquía e mandamases por doquier. Por sorte, polo menos para moitos, tamén nestos tempos temos avanzado.
O século XXI ten promovido, con todo o respecto á tradición e ás costumes arraigadas, festas de maior avance social e maior diversidade. Hoxe celebramos as semanas grandes das vilas e pobos con clara atención á súa repercusión económica (fundamental e imprescindible para unha boa parte da economía comarcal), con aproveitamento colaborativo da hostelería e as institucións, con promocións turísticas combinadas de toda unha comarca que resulta un paraíso para ofrecer a todas as persoas que non teñen o privilexio de desfrutarnos todo o ano. Celebramos festivais para todos os gustos, con profesionais organizando eventos que nos poden comparar a calquer evento de calquer lugar. Temos programacións completas, que enchen o verán arousán de actividades para todos e todas, para os cativos, para os nosos maiores. Apóstase hoxe polo turismo gastronómico de calidade, polo impulso coordinado dos nosos bens preciados. Hoxe, gracias a moitas persoas que promocionan, divulgan, crean, apoian e activan tanto dende os colectivos profesionais como dende a política ou o asociacionismo, temos festas do século XXI. Aquelas onde non se compite por quen tira os fogos artificiais máis duradeiros (algún resquicio aínda queda) senón polos que consiguen ter a máis xente participando, con diversidade e pluralidade.
Cabe celebrar os puntos morados de atención ás mulleres, a pesares de que teña que haber algún impresentable que precisamente xustifica a súa existencia; precisamos defender que os concertos das festas deben ser abertos, e por tanto pensados con humildade pero con esforzo para todos os públicos; hoxe as festas traen música, e tamén deporte, e gastronomía, e paiasos, e cine, e teatro, e andainas, ata cursos e formación… 
O Albariño, a Vikinga, San Roque, a Festa do Marisco e todas as celebracións desta comarca avanzaron gracias a unha concepción moderna. Porque se pode facer tradición no século XXI, e porque só facéndoo así teremos a posibilidade de construir tamén sociedade, pois a maneira de compartir o lecer tamén nos amosa como somos.
Quedan, eso sí, melloras que facer. Non cabe sentido en que as festas centrais de tantos lugares terminen por ser unha copia despersonalizada unhas doutras. Se ao final as celebracións consisten en concentrar milleiros de xóvenes, adolescentes e non tanto, durante unha noite, a realizar concursos de consumo (de calquera cousa) tampouco teremos avanzado nada. Seguro que resulta duro e difícil pensar en poñer sentidiño e cortar acumulacións de moita xente, pois seguimos mentalmente pensando que canta máis xente mellor. Non concordo. Hai límites que non deben cruzarse e non se xustifican polo número. Se a noite do Apóstolo é igual que a da Guadalupe e igual que a de San Xoan, entón nin o Apóstolo, nin a Guadalupe nin San Xoan teñen sentido por si mesmo. 
Non paremos de progresar, pero celebremos que aprendemos do pasado e melloramos para o futuro. Gracias a todas as persoas que o fan posible, un ano máis.

Festas de sempre no século XXI

Te puede interesar