Frustración

Nos últimos días teño discutido con amigos de maneira vehemente, visto como familiares deixan grupos de whatsapp, asistido a que veciñas me recriminen a situación actual e perdido aventurados pronósticos con bos hosteleiros da miña vila. Paradóxicamente creo estar dacordo no esencial con todas estas persoas, pero eso parece dar igual. E é comprensible, aunque desesperadamente incómodo.

A cidadanía ten amosado históricamente unha potente resistencia ante a ineficacia dalgunhas medidas políticas, incluso ante a incomprensión dalgunhas estratexias. Pero nos últimos tempos este país ten afrontado un dos peores errores: a instrumentalización da confianza. 

Creo, e podo equivocarme, que necesitamos despexar da nosa dialéctica as apelacións tan constantes sobre a dignidade, a decencia ou á traizón á patria, entre outras bravuconadas. Vai parecer que cada instante é tan decisivo como a revolución francesa, que cada frase marca a Historia a fogo. Absurdo. Sobra quen se considere gardián das esencias, referente ético ou estandarte das políticas de Estado. Sobra quen despreza todo o que non sexa un mesmo. E sobra porque, ademáis, estamos utilizando ás persoas que escoitan a un político con vontade de que o represente. Tanta intensidade, empalaga.

Se sobrou todo esto, entón que faltou? Faltou matiz, e paciencia. Probablemente estamos pagando a tendencia habitual que leva encarriladamente a que a acción política consista en polarizar, tensionar e desequilibrar. Cando se marcan liñas vermellas de máximos inasumibles polo outro estamos decidindo que non haberá acordos. Cando somos grandilocuentes sobre os principios (variables, incluso) estamos limitando a nosa capacidade de modular. Acribillamos a quen rectifica, menospreciamos a quen cede. Non hai avance sen cesións, e se criminalizamos a quen modera a súa posición inicial estaremos evitando que poida achegarse a nós. 

Ogallá aprendamos a necesidade de matizar, de ceder, e que a cesión implica renunciar a algunhas cousas que puidéramos considerar importantes. Porque se trata de transformar os desexos en realidades. Trátase de recoñecer que hai outro con máis apoio, ou polo menos con tanta lexitimidade coma mín. Trátase de sentarse a falar, e non presumir de non facelo. Trátase de non crerse propietario das ideoloxías. Líbrenme dos puros e dos césares, son incapaces de ser empáticos e non deixan pasar a oportunidade de fustigar ao outro, impuro.

O dogmatismo fai grandes discursos, pero fai poucas máis cousas positivas. E, ademáis, fai que nos enfademos todos uns cos outros. E non hai dereito.

Frustración

Te puede interesar