Gol en Mingorrubio

A xente futbolera (e a non tanta tamén) non esqueceremos onde estábamos cando Iniesta marcou alá en Suráfrica o gol que nos facía campións do mundo. Eu andaba en Andalucía, entre olivos, cun amigo ourensán que facía anos que non vía un partido de fútbol pero que me abrazou coma se eu acabase de dar o pase gañador. 

Existiron millóns de escenas idénticas en España, moitas seguro que entre persoas descoñecidas e, quen sabe, igual deu lugar a boas amizades. Ninguén, a pesar diso, o fixo pensando en se iso ía baixar a tarifa da luz, o aluguer do piso ou o prezo do pan. Tampouco así coa celebración posterior, e a exaltación dun sentimento patrio que non conseguiron decenas de campañas publicitarias previas de distintos gobernos, e algúns chuscos intentos tamén. Houbo que irse ata Suráfrica para sentirse máis español, curioso.

Estama semana fixéronse coñecidos os lugares de Cuelgamuros e Mingorrubio, nomes novelescos e fantásticos que evidencian a nosa prudencia á hora de non presumir de ter a mellor toponimia en todo o planeta. Esa viaxe dos restos de Franco dun mausoleo construído para a súa maior gloria a un nicho familiar é un feito histórico, si, que apunta tamén a unha cuestión de identidade. Non se trata de reabrir nada, que bastante se ten soportado xa, senón de seguir pechando o que aínda supuraba. Cando unha ferida aberta se limpa e cose deixa de sangrar, pero pasa un tempo no que o corpo segue traballando para reconstruírse. 

Triste é, permítase contalo, que houbera discusión tanto sobre a quen se exhumaba como quen o facía, e non houbese un entendemento de que o verdadeiramente relevante era o feito en si. Houbo moitas afirmacións tibias que se acompañaban dun “pero” (están ben, pero…; hai que facelo, pero…), e ao final resulta que todo o que vai antes dun “pero” non vale. Dificilmente comprensible a posición dos que quixeron aparecer como frustrados cando ninguén dubidaría de inicio que deberían estar contentos. Moverse para aparecer derrotado, estraña estratexia.

Aínda así, todos debemos sentirnos hoxe un pouco máis grandes como país, aínda que resulte fabulosamente contraditorio que usasen lazos de España os que querían protestar, porque precisamente hoxe somos unha España un chisco mellor.

Se cadra aí está o problema, nas identidades de bandeira e de patrias pintadas nun mapa invocadas por algúns para enfrontarse aos outros. Un avance sería sentir o patriotismo e a identidade nas persoas, nos dereitos, nas liberdades, nas memorias colectivas e restauradas, nas democracias conseguidas colectivamente. Porque hai moitas identidades, pero tal como anda o mundo non é malo sentirse un pouco máis demócratas, un pouco máis decentes.

Gol en Mingorrubio

Te puede interesar