O grave problema da dereita política

oa inminente investidura dun Presidente de Goberno socialista volvemos a escoitar que se rompe España, que se traizoa ao país, que van chegar hordas de salvaxes descerebrados con paus e pedras a destrozar as casas e quedarse coas terras. Pouco falta para que alguén diga que hai nenos sendo comidos por algún roxo desaprensivo. Por chegar, ata algunha xente comeza a establecer paralelismos con 1936, nun exercicio obsceno e desprezable de intento de meter medo.
Pero non é nada novo. En realidade é exactamente o mesmo de sempre. Cando chegou ao Goberno Felipe González en 1982 a dereita dixo que era a fin da transición, que ían roubar as vacas dos gandeiros e que estábase rompendo a unidade de España. Da chegada de Zapatero díxose que era ilexítima e que o fixo nun pacto con ETA no 11M. De Pedro Sánchez díxose que o fixo cunha moción de censura indecente (si, aquela que foi contra un goberno putrefacto de corrupción) e que agora está vendendo España para gobernar. Nada novo, todo coma sempre. E, ao final, 40 anos despois, o país sigue aquí e mellor que daquela.
Poñamos negro sobre branco. Hoxe vivimos nun país moi avanzado, envexable, pero con problemas no modelo produtivo e nalgunhas xestións dos servizos públicos, e con desigualdades sociais que necesitamos resolver. Tamén, territorialmente, hoxe vivimos nun país plural, que necesita diálogo para a súa convivencia. E, como está pasando no resto do mundo, vivimos un país ameazado por movementos ultraconservadores, xenófobos, negacionistas, promotores da restauración do poder militar no mando civil e incitadores ao odio e á violencia. A todo eso hai que responder. E aí hai un programa nitidamente socialdemócrata publicado e asinado para elo. E, permítanme un pequeno balance: Vox terá unha relevancia moi rebaixada no Congreso, a que foi unha forte unidade independentista en Catalunya ráchase e ábrese un período de diálogo, descentralízase a política española, ábrese unha etapa inédita que obriga a acordos entre partidos e, fundamentalmente, dase resposta ao que dixeron os cidadáns nas urnas. Sinceramente, non me parece mal negocio.
O grave problema que ten unha parte da dereita española (hai persoas brillantísimas na dereita aínda que, tristemente, hoxe están apartadas dos eixos de decisión polos seus partidos que están tirados ao monte) é que falan dunha España que xa non é, un país que só existe nos seus círculos pechados. Coma sempre, a dereita chega tarde a todo, tamén á convicción de que é necesario facer unha segunda transición e volver a dialogar sobre as cousas fundamentais. Aí está a cuestión, que a dereita fala dunha España que xa non existe, e ademais fala pensando que é súa. E equivócase nas dúas cuestións.

O grave problema da dereita política

Te puede interesar