Grazas Greenpeace

Parabéns a todas as mans que suman para conseguir as cousas. Pouco máis se pode decir sobre a chegada do Rainbow Warrior a Vilagarcía neste xoves 25 de xullo, día de Galicia para máis sinais. 

Non se trata únicamente dun barco que chega a un porto. Ogallá fose tan sinxelo. Vivimos no mundo supostamente máis avanzado da Historia, o maior progreso tecnolóxico e o maior benestar conxunto. Non entanto temos milleiros de fendas que arranxar. O ecoloxismo, ata o de agora moitas veces reducido a un momento de poucos obsesionados con cuestións menores, é xa non unha etiqueta bonita que sumarse senón unha imperiosa necesidade. 

Hoxe a Ría de Arousa é referente mundial grazas á presenza de Greenpeace, que chega para facernos visibles e, sobre todo, para facernos máis conscientes. Porque velaí a súa labor. Innegablemente é que a súa presenza aquí debe ser un bo motivo de satisfacción, por ser referencia e por ter conquerido que un barco único no mundo dunha organización única no mundo amarre a poucos metros das nosas casas. Permítanme un inciso, ademáis, para valorar a importancia do traballo non sempre radiado e fotografiado ao minuto para conseguir que as dificultades, de todo tipo, se solucionen a prol dun ben común. 

Pero, máis alá, debe ser innegable tamén que agora a responsabilidade está sobre as nosas cabeciñas e as nosas mans. Moitos dos nosos avances e progresos están mal sustentados, e afiánzanse sobre o aproveitamento dun planeta que non é infinito. “Non hai outro, non é de usar e tirar”, como contan dende Greenpeace. Sirva a súa presenza para sentir que podemos conquerir ubicarnos no eixo dos grandes movementos, pero sobre todo sirva para que cando o barco marche, quede o seu poso. Vivimos nun mundo finito, e non temos dereito a terminalo. Xa imos tarde, pero nunca é suficientemente tarde para facer as cousas ben. 

O futuro, ou é arcoiris, ou non será. Grazas Greenpeace por vir, grazas por estar, grazas por persistir. 

Grazas Greenpeace

Te puede interesar