Grazas por tanto, Celestino

Esta semana despedimos a Celestino Brianes. En plural, porque fixémolo entre todos, porque Celestino era un pouco de todos. Así ocurre coas persoas que se entregan aos demáis. O deporte vilagarcián perde un traballador, pero gaña unha memoria nun tempo no que andamos escasos de referentes. 
Home sobrio e formal cando tocaba, non dubidaba en afrontar as circunstancias co moderado optimismo de quen xa deu batallas cando parecían perdidas, que é cando aparecen os grandes deportistas. Celes perseguía obxectivos coa constancia que un nadador mantén para chegar ao final. Mecánica intachable, disciplina rigurosa, determinación implacable.
Moitos poderían falar de Celestino con maior coñecemento, e con máis historia. Pero tamén algo desto estaba nel, a capacidade de conectar con todas as persoas, con todos os puntos que conformaban o paisaxe global. Posiblemente con el vaise unha maneira de entender Vilagarcía, unha perspectiva que non debéramos perder nunca. Ese pequeno gran mundo que é o deporte ten en Vilagarcía unha especial maneira de ser, pois o deporte é un modo de comprender a nosa vila. E nesa comprensión do que somos, Celestino foi un exemplo. Comprendeu que o deporte foi unha vía de escape social, un modo de agruparse colectivamente nunha época onde as oportunidades para saír da gris rutina eran poucas e breves. Comprendeu despois a necesidade de pular por cousas que hoxe non sabemos que non existían: pavillóns, campos, pistas…e unha piscina. Unha piscina necesaria nun pobo que, decía el, vive ao lado dun fantástico mar sen facerlle tanto caso como debe. 
Esa piscina será, en triste pero á vez máxica coincidencia, a piscina Celestino Brianes na rúa Adolfo Pedrido. Probablemente dous amigos que mereceron quedar satisfeitos do conseguido, pero que seguirían sendo rosmóns para buscar máis. Porque o deporte ensina a non conformarse e a eso tamén se deben as persoas que a través do deporte constrúen sociedade, como Celestino Brianes.

Grazas por tanto, Celestino

Te puede interesar