jueves 17.10.2019

A habilidosa pregunta de Paco Pedro

Paco Pedro foi un dos mellores profesores que tiven no instituto, agora felizmente chamado Castro Alobre. No último día do curso, xa terminado o temario de Historia, preguntou que período histórico teríamos querido vivir. Non lembro o que contestei, pero seguro que non foi nada orixinal. Co tempo non se me borrou aquela pregunta, e podería citar moitas respostas distintas, e todas boas. Pero ás veces venme á cabeza que a Transición Española podería ter sido interesante.

Non sirva esta reflexión para un apolillado alegato acerca das bondades doutra xeración, e comparar cun país malfeito e incapaz. Esta lectura queda para os nostálxicos, i eu prefiro pensar que a nostalxia está ben para a sobremesa cos amigos ou para os cumpreanos familiares, pero pouco máis. Estou absolutamente convencido que aquela admirada e admirable época, cos coñecementos de hoxe, os medios e recursos de hoxe, os desafíos de hoxe e a velocidade de hoxe non tería saído tan ben. Probablemente moito deso axudou, en realidade. Fraga tería sido devorado polas redes sociais e Alfonso Guerra dilapidado por constantes titulares buscadores de ouro. A distancia permite seleccionar soamente o bo.

Para que sirve esta reflexión entón? Para pensar que este país necesita unha segunda transición, e xa imos tarde. Unha transición que nos axude a superar aquelo que a primeira deixou sen arranxar (porque pretender ter resolto todo era o que podía enviar todo ao garete). Pais, nais, avós e avoas pactaron mirar para adiante como único método para convivir. E quen somos nos para xulgalos. Agora toca pechar o que entón non era posible, e a ver se así deixamos de seguir nas dúas España de Machado, hoxe chamado bibloquismo e antes bipartidismo. Así deixaremos de defender a pureza como elemento de diferenza. Trataremos de superar o clasismo, moi vivo. E sobre todo conseguiremos recoñecer que suspender un partido que vai 2-0 porque non queremos seguir meténdonos goles non quere decir que o partido acabe empatado. 

Por certo, unha das cousas que hai que superar é o espíritu tremendista e fatalista. Cando me falan de que somos un desastre insuperable penso en Italia ou Gran Bretaña, miro a Trump ou a Putin, vexo Brasil. Así que se cadra… pode ser que non estemos facéndoo tan mal como parece.

A habilidosa pregunta de Paco Pedro
Comentarios