Infiel, pero non desleal

Escribiu Benedetti que “pódese ser infiel, pero nunca desleal”. Probablemente o escritor uruguayo falaba da vida en xeral e non tentaba de concretar en ningún aspecto vital. Probablemente. Pero por se acaso podemos cometer o erro de interpretalo, é posible pensar que é aplicable tanto á nosa vida persoal, profesional ou á política de todos/as. A política, como toda actividade vital, responde (ou debera facelo) a valores humanos que teñan por riba de todo o respecto persoal e a crenza de que o que cada un fai é polo convencemento de que é bo e necesario. 
Ser fiel é un valor que poden ter os cans. As persoas facemos ben en dubidar, en poñer en discusión os valores dos demáis e debater sobre as cuestións máis esenciais, dubidar de todo. Non hai nada malo, incluso hai moito bo, en ser o suficientemente valente para dubidar incluso de un mesmo. Porque, probablemente, nos equivocamos nas cuestións máis importantes. Pero a liberdade é iso, poder escoller incluso a maneira de equivocarse. Por iso non debemos ser fieis, que supón gardar o respecto sen discusión, por orde e por xerarquía, senón ser leais, que implica comprometerse co outro aínda que se discrepe radicalmente. Comprometerse a que? A debater, a ensinar o que somos, a expoñer as nosas ideas, temores e obxectivos. A contar o que pensamos e o que de verdade queremos e cremos.
Sobra infidelidade na política e na vida en xeral. Pero non é negativo. A fidelidade supón considerar  que temos a propiedade da vontade do outro, e poucas cousas hai tan insoportables. Esperar fidelidade, sen máis, supón minusvalorar os compromisos e valores persoais do outro. A fidelidade é a lealdade por obrigación. Por iso sobra. Cando en política se afrontan problemas nos que todos pensamos igual, e nos que vemos solucións parecidas, quen ten a responsabilidade de decidir non debe esperar fidelidade de calar e asentir. Pero tampouco quen acompaña debe calar sumisamente. Como ocurre nas políticas de Estado, ou debera ocorrer (terrorismo, política exterior…) a fidelidade non debe ser un obxectivo, pero si a lealdade de debater e propoñer, pero tamén respetar as xerarquías ou, polo menos, a posición do outro.
A lealdade é o que necesitamos. Pero o problema é que ésta falta. Tamén falta. Un puñado de votos, ás veces incluso máis pequeno do que parece, levan a moitos líderes políticos a sacudir todas as cuestións máis esenciais, a cometer todas as irresponsabilidades posibles e alimentar odios, enfrentamentos e ideas que non son reais. Pero qué importa iso se podemos discutir a un goberno, ou ao rival. A lealdade está de saldo. O outro non nos importa. Pero cometemos o erro de considerar que a lealdade é con persoas, e non. É con nós mesmos. Ser leais cos demáis amosa o que somos. E ninguén pode facer política, ou calquera actividade vital, se non é boa persoa. Ninguén debería decidir sobre a vida dos demáis se non ten valores claros para si mesmo.
Cada un dos que lee esto ten unha opinión sobre distintas cuestións vitais, moitas delas que teñen que ver coa política. Deberamos esixirlles aos nosos líderes políticos que non sexan fieis, que discutan as normas impostas e que se enfrenten aos estatus previos. Sí. Así nos representarán. Pero que sexan leais. Que o fagan dende a responsabilidade, dende o convencimento de que construimos e que non destruimos. Dende o respecto polo outro. Porque Benedetti podía non falar de política, pero perfectamente podía estar falando de persoas (que é o mesmo), e ter en conta que non se pode durmir tranquilo se un non é leal cos que foron leais con un. Ou non se debera.

Infiel, pero non desleal

Te puede interesar