Miércoles 22.05.2019

Os insultos non dan de comer

Un dos poucos momentos que a campaña electoral presente falou sobre as cousiñas de comer foi o fantástico día en que Pablo Casado afirmou que subiría o salario mínimo a 850 euros... toda vez que xa se aprobou subir a 900. Así que cando parecía que empezaríamos a escoitar falar a algúns de cousas serias, foi para evidenciar que non hai moito onde rascar.
Polo demáis, estamos ante unha das campañas electorais máis fangosas e tristes que nunca se lembran. Tocará, coma sempre, pasar por algunha polémica estéril que non concluirá en nada e que se convertirá no símbolo destas dúas semanas (o asunto dos debates vai camiño diso). Non entanto, hai moitas cousas serias de que falar e non hai moita xente disposta. 
A despoboación dunha boa parte de España, que é unha realidade existente tamén en Galicia, pareceu intentar colarse, pero foi coma un penalti errado: unha grande ocasión, pero nada. A conciliación necesaria e imprescindible, as políticas de igualdade real e a imprescindible (e non existente) decencia das relacións laborais contribuirían a afrontar, en parte, o problema demográfico. É imprescindible un debate real sobre a presión fiscal (en España menor que a media europea) e a necesidade de regular ben e axustadamente os impostos, pensando nos servizos públicos e a súa dificultade de supervivencia por culpa dos recortes. Debemos decidir cara onde camiñaremos en política exterior, dada a tendencia en Europa (e tamén agora en España) de entregarse a populistas e ultranacionalistas. A urxencia de afrontar, con determinación, a loita contra o cambio climático ou pasar das palabras aos feitos no cambio de modelo productivo e aposta pola sociedade do coñecemento. Todos eles son os nosos desafíos, non do futuro, senón dun presente ao que estamos chegando tarde.
O actual goberno, permítanme a opinión declarada, afrontou na tímida medida que a situación política inestable permitía, algunhas liñas e apostas. Pero nada vale se non hai continuidade. Estamos no momento de decidir eso pero, decepcionantemente, escoitase estos días ao líder da oposición falando de ETA, a xóvenes involucrados en política para que o seu debate principal sexa o avión do presidente, a militares falar de orden e lei en España e decenas e decenas de chascarrillos absurdos sobre temas intrascendentes.
Notarán certo partidismo. Claro, non me escondo, pero síntome preocupado por un país onde a oposición política está máis centrada en competir pola burrada máis grande que por afrontar un reto de estado. Aínda que só fora un.

Os insultos non dan de comer
Comentarios