Infoxicación

A miúdo escoito a xente que di que “a min a publicidade non me afecta”, coma se un realmente puidese ter a capacidade de non ser permeable, de ser escrupulosamente obxectivo e vivira na verdade estrita e pura de maneira permanente. Imaxino a un publicista escoitando tal cousa, salivando ante a súa presa e desfrutando a gloria de ter conseguido o seu obxectivo: influír sen que o pareza. Di un vello proverbio que o gran truco do diablo foi convencer a todos de que non existía. 

Durante moito tempo o principal atranco para o progreso das sociedades foi a ausencia de información, ou a existencia limitada dela. O acceso ao coñecemento estaba restrinxido por estrato social ou porque, sinxelamente, non existía maneira de transmitilo eficientemente. Hoxe en día vivimos o problema inverso. Existe unha cantidade inxente de información e métodos simples e directos de obtela. De feito é bastante posible que sen querelo recibamos moita máis información da que podemos procesar, o que provoca a sensación de saturación e a incapacidade para saber de que fiarse, a que atender. Vivimos a época da infoxicación.

Como resultado o ser humano ten mecanismos, moitas veces inconscientes. Fixamos referencias, como determinada periodista, web, diario, amigos...para escoller o que tomaremos por bo. Pero non estamos facendo máis que funcionar selectivamente e obter o coñecemento que queremos, o que nos reafirma. Porque ninguén soporta verse discutido de maneira permanente. 

Así, en terreo onde falta veracidade porque xa non sabemos onde está a realidade, xurden as fake news ou os bots de internet (os problemas parecen máis serios se lles poñemos nome en inglés, seica). Pero tamén xurden os máis sutiles, os hábiles, os publicistas da información que, vestidos coa roupa da obxectividade (imposible) gotean unha soa visión. Existen porque, ao outro lado, asumimos ser moi listos cando alguén nos da a razón sen percatarnos de que, se cadra, está ocorrendo ao revés.

Así pois vivimos tempos difíciles para construír progreso. Cada vez aprecio máis a quen me di claramente o que pensa ou a quen pode contarme unha historia pero, ao terminar, non sei cal é a súa opinión. Todo o que queda no medio é un intento de condicionarme. Probablemente tamén como estarei facendo eu agora.

Infoxicación

Te puede interesar