De Jesús Gil a Mateo Salvini

O anuncio da recomendable e recente serie de televisión “El Pionero” é un corte dunha entrevista a Jesús Gil na que el mesmo, con pachorrenta tranquilidade, declárase un visionario. Así, coma Steve Jobs ou Stephen Hawking, se é que Gil puidera chegar a saber quen son ou entender algo. A serie  retrata, con cruenta naturalidade, unha realidade vivida neste país nas últimas décadas. Gil representa moitas cousas, todas negativas, pero amosa ademáis unha verdade terrible: a facilidade con que unha sociedade, na situación adecuada, pódese entregar ás personaxes máis truculentas e lamentables. Foi, como di a serie, un pioneiro. Negocios turbios, prepotencia e populismo. Cóctel explosivo.

Mateo Salvini é un digno herdeiro desa corrente de persoeiros infumables. Berlusconi ou Trump xa accederon ao poder con tales formas, e Salvini (ou outros semellantes aquí no noso país) están nese proceso. O espectáculo bochornoso das súas formas e prepotencia resultan case vomitivas para calquera persoa decente. Pero aí está, e aí sigue. A chulería como carta de presentación, e o patriotismo de bandeira e pulserita fannos peores a todos.

Sexamos realistas: non podemos resolver todos os problemas do mundo. Pero poderemos poñer da nosa parte para minimizalos, para que se resolva unha parte ou para sumar na solución final. Pero de verdade hai xente (e si, haina) disposta a seguir a líderes que promoven a insolidariedade como distinción. 

Trump querendo comprar Groenlandia coma se fose unha oferta do supermercado (recoñezo que ao inicio pensei que era unha broma), Salvini facendo tours polas discotecas italianas...e aquí sorprendémonos de que Gil presentara un programa de televisión rodeado de mulleres nunha piscina. Efectivamente, Gil foi un pioneiro. E aí está o problema.

De Jesús Gil a Mateo Salvini

Te puede interesar