Manifestarse

Conta un bo amigo que manifestarse é unha maneira pouco divertida de perder o tempo. Dende logo, aínda que lle teño aprecio, poucas cousas se conseguirían neste mundo inxusto se todo o mundo actuase coma el, que habitualmente é un fenómeno para resolver todos os problemas do planeta sen levantarse do sofá.
Hai milleiros de motivos para estar a disgusto con moitas cousas, pero hai algunhas que motivan especialmente a moita xente e que son queixas comúns. Este domingo será a sanidade pública, que é probablemente o motivo que máis enche as rúas de xente. Probablemente porque é un servizo que necesitamos tanto como valoramos, e que nos molesta que o manoseen e o deterioren os recortes, as ineficiencias e as malas intencións.
Por eso este domingo toca saír a rúa en Compostela. Para decir que a sanidade é nosa, dos cidadáns. A sanidade é propiedade das persoas que confían nela, as que sufren cada vez que unha enfermeira non ten gasas ou xeringas boas para poñer unha vacuna, ou as que se sinten tan tristes cando teñen 4 médicos distintos en 5 meses. As persoas que deben esperar meses para unha consulta, pero ven que logo os seus dirixentes lle contan que as listas de espera están mellor que nunca, non entenden que está pasando. E síntense frustradas. E con razón.
Hai que estar na rúa, demandando o que é noso, o que é de todos e todas. Porque ninguén ten dereito a recortar aquelo que nos fixo ser unha envexa mundial. E hai que parar este afán de recortar dos que non necesitan a sanidade pública. Se non defendemos o que é noso, haberá algúns con ganas de quitalo. Debemos saír á rúa para protexer á nosa médica, para que non exploten á quen nos da a cita no hospital, para decirlle ao que conduce na ambulancia que sabemos que cobra menos de 900 euros por 12 horas e que é inxusto. Debemos saír, porque a enfermeira que fai garda de noite para atender á nosa nai está contratada en precario, sen vacacións e sen saber se mañá terá traballo, pero nunca nos deixará abandoados. Debemos decirlles que estamos eternamente agradecidos, e que defendelos é defender o noso. E por eso hai que decir que basta xa. 
Cóntame meu amigo que haberá outra manifestación este domingo, onde haberá moitas bandeiras. Pero, sinceiramente, eu prefiro un país onde os médicos sexan máis importantes que as bandeiras. Sexan cales sexan. Ese é o meu patriotismo.

Manifestarse

Te puede interesar