Medidas con decisión

on 700 novos contaxios ao día poderiamos entrar en debatir sobre os números exactos da pandemia e habería, xa mesmo, que establecer medidas contundentes. Pero estariamos en todo caso errando pois hai moitos matices que dificultan comparar agora con hai 6 meses, cidade por cidade, cidades con vilas ou provincias entre si. A realidade, inapelable, é que esta segunda onda da pandemia ven avisando forte e non damos parado o efecto. E desta xa sabemos o que hai, porque xa tivemos unha marea antes.
A realidade, ademais, di que Galicia é das comunidades que peor detectan as orixes dos contaxios (e por tanto non podemos traballar fácilmente sobre eles e estamos expostos ao ir e vir). Non se sabe, aínda, se é certo que temos os rastrexadores que dixo Feijóo ou se temos menos, ou se non pode definir os que temos como dixo o conselleiro. Tampouco sabemos se os contactos dos positivos van ter unha PCR ou non, ou se vai en función do área sanitaria. Sabemos menos do que deberiamos para conter a expansión da pandemia.
E, con todo, en Galicia non se quere tomar as decisións que tomaron case que todas as demais autonomías, as cidades de media Europa e boa parte dos grandes países. Por que? Para poder dicir que fomos os primeiros en facer algo, ou os últimos en resistir. Todo por poder contar que somos máis altos ou máis guapos. Eu preferiría estar na liga da sensatez que na de medirme o orgullo constantemente. Deberiamos ter sumado Galicia ao listado de autonomías que pecharon a mobilidade entre territorios, que foron case todas, para non converternos nunha excepción soamente por poder contar que somos a excepción. E, se queremos de verdade combater a pandemia, debemos tomar medidas claras. 
Vale de ben pouco expandir a idea de que a culpa está nos maléficos universitarios que fan festas, dos hosteleiros malvados que incumplen, dos espectáculos culturais que son antisistemas ou dos turistas despreocupados, se non hai datos que o demostren en ningún dos casos. E, se así fora de verdade, entón cabe preguntarse que responsabilidade ten quen difunde esa idea puidendo controlala e non o fai. Vale de pouco pensar que podemos facer que nas cidades teñan máis control o día de defuntos, pero olvidarnos do resto de Galicia. Do pouco que vale isto é de exculpar a quen, agora, está á fronte das decisións que se deberan tomar que, así, terminará por presumir de que “aquí non tivemos que tomar medidas tan duras porque somos mellores”.
Esta concepción adolescente e paleta do identitarismo, fundamentado en presumir máis que o de ao lado, lévanos a pretender ser chamativos cando hai que ser sensatos e lévanos a tomar medidas pensando en cómo vendelas e non medidas con decisión. 

Medidas con decisión

Te puede interesar