Mirar un Rato para o cárcere

Non é pouco habitual que unha conversa amigable diante dun café ou unha cervexa pase, nalgún momento, por falar da actualidade e sirva para que algún dos presentes suspire afirmando que “todo é sempre igual” ou que “sempre pagamos os mesmos”. Non lle faltará razón, seguramente, no que conta sobre a maior parte de cousas do día a día. Pero deteñámonos algo máis para poder comprobar como, non sen esforzo nin facilmente, e seguro que con moito por mellorar todavía, a nosa realidade está mudando.
Se hai un icono real que evidencia que algo comeza a mudar na realidade é Rodrigo Rato. O todopoderoso Rato sumou cargo tras cargo a un currículum asfixiante que abría portas alá por onde pasaba, e que representaba perfectamentea suposta eficiencia do goberno do visionario e infalible Jose María Aznar (nótese a ironía). Vicepresidente económico do “milagre español”, responsable da reforma da Lei do Solo que abriu as portas á burbulla inmobiliaria do país, case candidato á Presidencia de España, Presidente de Bankia e responsable da súa fulgurante saída a bolsa (e das preferentes), Director Xerente do Fondo Monetario Internacional e próximo habitante de Alcalá-Meco, Soto del Real ou algún outro non placentero lugar. Este e o percorrido do que pretendeu ser o símbolo dunha dereita que mira máis aos banquillos do xulgado que aos do Congreso dos Deputados.
Urdangarín, Gayoso, Matas…todos eles súmanse tamén a esa lista que debera, por un lado, avergoñarnos por ser conscientes de toda a amalgama de trampas e tramposos que conviviron (e aún conviven en parte) no noso entorno, pero que por outro lado debera ensinar que ao final o sistema tamén funciona cando a sociedade se move. Hai unha conciencia nova, unha esixencia nova, e por fin gobernos novos que asumen a medida da ética con máis esixencia que a da política ou da xustiza. 
Non deberamos darnos por satisfeitos. Queda moito por facer. Aínda existe, e moito, quen consideran que o poder é unha propiedade e lles pertence, que ninguén máis debería telo e que se  fan hai que masacralos. Esta dereita política e económica que dispara sen medida. Aínda pululan entre certas élites quen formaron parte de moitos entramados, e hai quen bota de menos aqueles tempos daquel aznarismo insoportable. Incluso hai ministros daquel goberno que siguen sendo relevantes, sen ir máis lonxe a Presidenta do Congreso, esa que ten paralizados os orzamentos do país porque o país lle da igual (e aínda hai que a escolle de madriña…). 
Non caiamos na melancolía de pensar que todo e imposible. Hai 7 ou 8 anos ninguén imaxinaba o mundo de agora. Coma sempre, unha sociedade crítica será imprescindible. Será difícil que esto pare agora, pero cabe recoñecer que difícilmente atoparemos un exemplo tan claro destes cambios como mirar agora un Rato para o cárcere.

Mirar un Rato para o cárcere

Te puede interesar