Morro, cara e jeta

Hai poucas semanas Núñez Feijoo despachábase con gusto contra algún ministro/a do Goberno de España dicindo que tiña “moito morro, moita cara e moita jeta”. Parece que a gran ilusión de Feijoo nestas últimas datas está en percorrer o dicionario, e atopar palabras novas ou expresións que lle chamen a atención. Cabe recoñecer que nunca superará a Rajoy, un dos políticos que utilizou maior número de adxectivos pintorescos ata a chegada de Pablo Casado, quen recitou descualificacións a unha velocidade que parecía un rapeiro en estado de creación.

A cuestión está en que, despois do dicionario, hai que contar algunha cousa. E a cousa está en que Feijoo non ten nada que contar. Once anos de goberno e máis de 100.000 millóns de euros que tivo para xestionar (que se di pronto) para terminar por concursar ao pasapalabra dos desprezos.

Corresponde aos políticos que están na xestión tomar decisións sobre prioridades e investimentos. E aí compróbanse as súas apostas e as súas visións. É por iso que calquera podemos preguntarnos que lle ocorre á sanidade, á industria ou ao medio ambiente en Galicia. E a resposta é complicada. Pero, iso si, ademais dos insultos estaría ben que houbese algo máis.

Un ve que o centro de saúde (escolla calquera da comarca) non ten médicos suficientes pero escoita que Feijoo di que estamos no mellor momento da historia da sanidade en Galicia. Un ve que afogan empresas conserveiras que antes ocupaban toda a fachada do mar, pero Feijoo di que imos como nunca. Un ve que emigraron milleiros de mozos e mozas ao estranxeiro sen billete de volta, pero Feijoo di que somos unha terra de oportunidades para crecer. Un ve que mentras en España hai menor índice de paro, en Galicia hai menos persoas ocupadas que hai dez anos.

Eso si, tamén se escoita a Feijoo dicir que a culpa de que non haxa médicos suficientes non é de quen os contrata, senón do Goberno de España. Escóitase dicir a Feijoo que a culpa de que haxa problemas industriais é da crise económica do goberno de hai dez anos. Escóitase, incluso, que a culpa de que hoxe teñamos menos permisos marisqueiros é do goberno de outros. Sempre a culpa é de outros. A verdade é que si, que para ser Feijoo hai que ter moito morro, moita cara e moita jeta.

Morro, cara e jeta

Te puede interesar