Jueves 23.05.2019

Mulleres exemplares

Milagros Meaños foi unha muller excepcional cuxo fogar era, literalmente, o seu traballo. Vivía na habitación número 2 dun hostal do que se encargou durante décadas e no que criou dous fillos e una filla, entre as ausencias temporais do meu avó que andaba no mar, e a eterna ausencia que deixou cando se foi demasiado cedo. Crecín pasando o Nadal ao carón dunha mesa feliz que chegaba da pequena sala da televisión ata a cociña, espazos que eran a súa casa pero onde pasaban clientes que, moitos deles, eran xa como familia. Un hogar de traballo onde, para as cousas do día a día, só traballaban mulleres. Porque así era, ou así parecía que debía ser.

Calou ideas, abnegou reivindicacións, apaciguou problemas, rebaixou enfados, chorou perdas. Fixo todo o que se entendía que as mulleres da súa xeración debían facer. Unha sociedade envenenada sen sabelo dunha desigualdade infame. Co tempo fun descubrindo que o seu ollar era distinto. Cando eu creía, con enorme soberbia, estar descubrindo un mundo novo que outras xeracións non aceptarían, a miña avoa estaba de ida e volta de calquera cousa. Entendín que a súa forma de reivindicar o seu papel era sacar adiante á súa familia con tesón, ao estilo daquelas “mammas” italianas. E deulle oportunidades a fillos e filla que non eran doados naquel tempo, deulles mundo e incitounos a saír. Non tardei moito máis en comprender que desfrutou progresos, celebrou victorias, aplaudiu xestos, chorou ledicias, soñou avances. Viviu enormemente a transformación social e creo, honestamente, que o fixo convencida de estar facendo o necesario para que seus netos poidamos hoxe vivir nun mundo máis igual.

A miña avoa foi unha feminista convencida, probablemente antes de que moitos coma min souberamos o que significaba esa palabra. Os grandes progresos están plagados de persoas que encheron as vidas dos demáis de exemplos vitais. Ela foi a viva imaxe dunha muller robusta, da grande avoa galega que moitos e moitas de nos tivemos e que neste país tan en silencio construiuron unha sociedade mellor. Sen sabelo nos, pero amosando que só o esforzo nos dará dereitos. Hoxe, este tempo, precisamos non baixar a bandeira da igualdade. Unha loita que nos afecta a todas as persoas. Gracias a mulleres como a miña avoa eu síntome feminista. E gracias a tantas mulleres que están sacudindo o mundo síntome orgulloso de compartir este mundo con elas. Por sempre, enormemente agradecido a todas.

Mulleres exemplares
Comentarios