Non aprendimos moito

Despois de 8 meses estamos vivindo, novamente, un inferno de contaxios e medo social pola expansión da pandemia. Probablemente nunca esqueceremos milleiros de detalles, e dende logo hai varias cousas das que se podía aprender e outras que, ao contrario, era necesario non ter aprendido. Semella que non fumos quen de acertar cal era unha e cal era outra.

Levamos, por ser aproximado, a metade de tempo baixo a xestión dun goberno central, a metade baixo a xestión do goberno autonómico e, complementariamente, xestión municipal para adaptarse as circunstancias. Pódese entender (e demandar explicacións pertinentes) de que a primeira onda colléranos sen os deberes feitos. Pero é sorprendente como pode estar pasando unha segunda vez.

Máis alá de outras razóns, que teñen a súa parte, hai dous elementos esenciais. En primeiro lugar que tiñamos tamén unha infección interna, unha ferida supurante. En 11 anos vimos deteriorarse a atención primaria (1100 profesionais menos), nula promoción económica, un IGAPE que non era quen case ningún ano nin sequera de agotar o seu orzamento para apoio a pequenas empresas e, así, centenares de exemplos.

Non sabemos se existen rastrexadores contratados, non hai profesionais de enfermería suficientes porque as expulsamos por malas condicións laborais, non hai pediatras para cubrir todas as prazas, o sistema sanitario ten un 30% de temporalidade. Existe, eso si, un excelente equipo de marketing. Pero eso, cando chega a pandemia, pode salvar titulares e incluso votos pero non salva negocios nin, por suposto, salva vidas.

En segundo lugar está a necesidade de gobernar de verdade. Aínda que poida resultar sorprendente, hai tempo que Galicia en vez de ter un goberno tiña un despacho de pasantes, un conxunto de tertulianos da realidade que veñen adicando o tempo a tramitar burocracia e facer unha xestión gris e opaca. Agora toca gobernar, e tomar decisións sobre as que non hai protocolos ou papeis administrativos previos. Gobernar é tomar decisións difíciles, priorizar, e cando existen situacións duras é preciso presentar alternativas e elementos de compensación. Os ERTES ou as axudas por peches de autónomos non resolveron o mundo, pero foron algo. Nesta segunda onda parece que a quen lle toca tomar decisións está atorado, porque vamos con retraso en ofrecer una saída, unha posibilidade, unha alternativa a pechar para sempre. 

Agora xa non valen agora os titulares fabricados, as postas en escena de cartón-pedra, os brindis ao sol. Agora as consecuencias son máis duras. Está na man ter aprendido do que pasou ao principio, sobre todo despois os que foron moi acelerados ao principio para criticar todos os días o que facía o Goberno. Pero parece que non aprendimos moito.

Non aprendimos moito

Te puede interesar