A nosa sanidade pública necesítanos

En O Salnés sabémolo de sobra. Foi unha mobilización social a que conseguiu un Hospital que o PP nos negaba. Costoulle o cargo a algún político popular que tamén o defendeu, e que Fraga fulminou de súpeto. Pero houbo hospital. Eso sí, o SERGAS inventouse daquela (con Núñez Feijoo xa como ideólogo) un formato extrano que eran as fundacións sanitarias. Ou, traducido, un hospital privado pagado con cartos públicos.

Anos despois unha reivindicación social para que o hospital fose público foi escoitada polo goberno que presidía o socialista Emilio Pérez Touriño, e o Hospital do Salnés foi, por fin, público. Houbo que pagar todos os pufos que o PP deixara con aquela privatización, pero a sanidade merecíao. Hai dous anos, con Feijoo aos mandos da Xunta, en O Salnés perdimos a condición de área sanitaria. Agora, cando faltan médicos en Pontevedra, cóllense do Salnés. Cando falla unha máquina en Pontevedra, quítase a do Salnés (e nunca volve). Agora cóntanse unhas listas de espera que dan vergoña a calquera que teña o mal rato de ter que esperar pola súa consulta.

Sabémolo ben en O Salnés, onde vemos como decenas de concellos de Galicia van renovando os seus centros de saúde e aquí seguimos mirando para os de Vilagarcía, O Grove ou incluso a veciña Caldas vendo como o PP nega o pan e a sal. Vemos como en Catoira ou en A Illa quedan sen pediatra habitualmente, como en Ribadumia ou en Meaño queda unha médica sola no centro de saúde para todos os pacientes que lle poden entrar pola porta, vemos como en Meis pasan meses sen que ninguén envíe substitutos para as baixas ou vacacións, e vemos como en Cambados hai que recortar a atención polas tardes porque o SERGAS olvidouse desta terra.

Este domingo haberá unha manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública. Anúnciase histórica, e hai milleiros de razóns para elo. Non hai nada que mereza máis a pena que a nosa sanidade. A que entre todos e todas construímos, e que protexen tantos e tantas profesionais excepcionais que temos. Sen eles sería imposible, a pesares dos nefastos dirixentes que temos. 

Este domingo está en xogo defender o que queremos manter. Porque hai cousas en que non se pode aforrar, nas que non se debe recortar. En O Salnés puxéronnos a proba moitas veces, e sempre atoparon unha cidadanía que defende o que se merece. Se hai políticos tan xordos que necesitan escoitar as cousas a berros nas rúas, alí estaremos. A nosa sanidade merece eso, e o que faga falta. Nada o merece máis. A nosa sanidade pública necesítanos na rúa. Estaremos.

A nosa sanidade pública necesítanos

Te puede interesar