O momento do cambio

Hai dúas maneiras de afrontar a crise económica e social na que nos atopamos e que, segundo é previsible, golpeará a nosa sociedade nos vindeiros meses. Un dos modelos xa o coñecemos, é o que afrontou a crise anterior, na década pasada. É o modelo da dereita, do PP de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo. Aquela solución foi salvar ás grandes economías, reducir dereitos laborais, “flexibilizar” o mercado laboral (que é un eufemismo para facilitar o despido con poucos dereitos para os traballadores) e, sobre todo, recortar e recortar nos servizos públicos.

Con esa receita Galicia ten hoxe 70.000 empregados menos que hai 10 anos, como indica a Enquisa de Poboación Activa (EPA). Temos en Galicia 1100 profesionais menos na atención primaria nos centros de saúde que hai 10 anos, e así temos as esperas que temos, e temos 700 camas menos nos hospitais galegos. Tamén temos case 1000 profesores menos. Hoxe hai menos galegos e galegas vivindo en Galicia, con salarios que non crecen e con moita incerteza. A esto tróuxonos a saída da crise que nos plantexaron hai uns anos, a que se salvara o que máis tiña a costa de perder no que é de todos. E non queremos afrontar outra crise así.

Hai outro modelo, hai outra maneira. Galicia necesita máis profesionais sanitarios, e máis estables. É fundamental unha educación máis fortalecida, con maiores medios humanos e tecnolóxicos, con programas pensados por educadores e non por contables. Galicia necesita impulso económico e industrial, apostando por sectores estratéxicos como o turismo onde existen gran cantidade de emprendedores con proxectos innovadores e de calidade. Precisamos apostar polo sector primario de maneira xusta, equilibrando os prezos entre quen coida as vacas e que vende a carne, quen obtén o leite e o supermercado que o vende, que pesca o peixe e quen o sirve na mesa. 

Para todo esto necesitamos outra saída da crise, pero esta vez en colectivo. A pandemia trouxo un forte impacto, pero freouse unha parte coas decisións do Goberno de España de axudar con prestacións aos autónomos (a primeira vez na historia), co Ingreso Mínimo Vital para loitar contra a pobreza que tamén amenaza a nosa sociedade, e con ERTEs onde antes había despidos. Necesitamos, pois, unha Galicia que aposte por uns potentes servizos públicos e unha economía pensada para que ninguén quede atrás. 

Esto está na nosa man. Aínda que algúns queiran decir que non hai nada que falar, que está todo resolto. Lonxe dos que queiran pedir o voto pechados na súa casa, é o momento de dar un cambio. É o momento de ter a forza de mudar o rumbo, e de decir alto e claro que a maneira de saír da crise que tivemos hai uns anos non vale, que foi indigna e que non podemos ver máis xeracións de mozos e mozas marchando ao estranxeiro para que algúns poucos engrosen as súas contas correntes.

O momento do cambio

Te puede interesar