Onde está a dereita?

Teño un bo amigo co que case sempre discuto, de calquera cousa. A ambos vainos no sangue defender o que pensamos, e finalmente terminamos por poñer en moitas conversas os nosos puntos de vista distintos sobre milleiros de cuestións. Temos coincidencias, si, pero nada é tan interesante como o debate. Sinceiramente, síntome máis a gusto debatindo con el que con moita xente coa que se supón que coincido. 

Ocurre que é imposible chegar a boas conclusións si soamente miramos dende un lugar. Fan falta dúas persoas, como mínimo, para ver todos os lados dun dado, e se non os vemos non temos todos os números, para que sirve un dado?

Algo así ocurre coa dereita política nos últimos tempos. Non serei eu sospeitoso de simpatizar, nin de desexar que gobernan ou teñan capacidade de decidir. Defendo ferventemente que o seu modelo non é bo, nin produce un beneficio colectivo que deba imponerse sobre outros. Pero son necesarias esas visións. O problema está en que non se sabe xa se hai alguén ao volante cando miras para a dereita.

Inundados pola corrupción a única solución que atopou a dereita é entregarse a Aznar, precisamente a cúspide do problema e o inicio de tantos problemas. Os que viñeron a rexenerar abren investigacións contra aqueles a quen apoian para gobernar, mentras se desangran en dimisións. Feijoo confía en Aguirre e Cifuentes, que probablemente non o fagan nin elas mesmas, mentras despedaza a sanidade pública con altanería. Pero non nos vaiamos tan lonxe, pois na nosa comarca a dereita so ten a voz do alcalde de Vilanova, que ilegalmente se apropia de institucións alimentando a idea de que cheirará bastante mal cando se levante as alfombras. E todo esto comandado pola ultradereita, que parece ser a que marca o paso, con criterios morais discutibles e unha boa dose de fascismo. 

Seremos mellores como sociedade cando todas as persoas poidan estar ben representadas. E agora non poden, porque haberá cidadáns conservadores ou de forte corte liberal que precisen de partidos e colectivos que fagan o seu traballo de ser o seu altofalante. Pero non. A carreira por ser o máis radical convirte o escenario nunha orfandade absoluta. Se un pensara únicamente na vantaxe electoral desexaría que seguisen así todo o tempo do mundo. Pero non ten sentido. Unha dereita enloquecida fai peor a un país enteiro, porque fai desaparecer un contrapunto e a obriga da esquerda de ser máis atinada, máis eficiente, máis próxima e máis intelixente. 

Aínda que sexa por propio interese, un non para de preguntarse: onde está a dereita?

Onde está a dereita?

Te puede interesar