Orzamentos: Unha decepción habitual

Como cada época por estes tempos a Xunta anuncia os seus orzamentos para Galicia para o ano próximo. Ata agora viñamos tendo na comarca de Arousa unha decepción sorprendente, pois as necesidades dunha comarca tan importante como a nosa non se vían reflectidos. Algo cambiou no paso destes anos, pois agora a Xunta nos decepciona pero xa non é sorprendente, agora é unha decepción habitual.

A política está para afrontar os problemas reais, os da xente que sae de casa cada día para buscarse a vida, para sacar adiante o seu traballo, á súa familia. A política debe ir ao fundamento das cuestións, e aínda que pode utilizar algunhas veces retóricas amplas e grandilocuentes, grandes discursos e postas en escena impoñentes, non pode facer que eso substitúa as cousas de verdade, as de comer. Que din de todo isto os orzamentos? Pois din que o ano próximo soamente aumentará en 87 o número de profesionais de todo tipo nos centros de saúde de toda Galicia, cando temos os centros con esperas que nunca na vida houbo e coa campaña de vacinación máis grande da nosa historia por diante o ano que ven. Contan os orzamentos que se baixarán os impostos ás casas de xogos e de apostas, mentres os bares aínda non cobraron un duro por estar pechados e con restricións. Contan que mentres o deporte terá un 29% máis de fondos, a Educación subirá só un 6%.

En Arousa máis do mesmo. Vostedes poderían pensar que se apostará por ampliar os polígonos industriais como o Pousadoiro, por facer unha estación intermodal de transportes para toda a comarca en Vilagarcía (apoiándose na conexión directa que hoxe xa hai entre Vilagarcía e Madrid por alta velocidade en tren), por dotar ao Grove dun porto deportivo para fomentar o turismo, por construír un novo centro de saúde en Caldas… Nada de isto, e tantas outras cousas que son necesarias, están previstas para o ano que ven. Nada. Teremos a menor aportación a un hospital de toda Galicia, teremos supostos cartos para depuración na Ría de Arousa pero que levan contándose varios anos sen que logo se utilicen, e teremos algunhas migallas. Poucas.

Seguramente vostedes escoitarán moitas interpretacións. Unhas a favor e outras en contra. Todas lexítimas, sempre que non mintan. Así que, en troques de escoitar o rebumbio, creo que o máis útil é aplicar o criterio propio e apelar a aquelo de que “a vaquiña polo que vale”. Decidan que cousas consideran importantes e sobre as que cren que debería haber fondos para investir, e logo comproben, pregunten onde están eses fondos.

 

Orzamentos: Unha decepción habitual

Te puede interesar