Pais a cabezazos

O s rapaces tiñan 6 e 7 anos, e xogaban nun campo de fútbol correteando detrás dun balón ao que fan caso ás veces si e ás veces non. É tremendamente divertido ver esas esceas, onde xogadores dun e outro equipo paran no medio do campo e terminan por xogar xuntos a arrancar as herbas, mentras outros pasan correndo polo seu lado tolos detrás da pelota. Fora do campo, na grada que estaba a breves metros, e sen sentido ningún, os seus pais rifaron e comezaron a bater a cabezazos uns contra os outros, todo un exemplo de burricanismo e cenutriez (é mellor usar palabras inexistentes, porque as de verdade quédanse cortas). Nos mesmos días, nais de rapaces de 8 anos berraban aos seus propios fillos “agárraa das tetas!”, para frear a unha xogadora do equipo rival, á que tamén chamaban “marimacho”. “Non podemos as nenas xogar ao fútbol?” preguntou ella ao terminar, con eses 9 anos que pareceron a idade máis sensata do lugar.

Esto pasa cada fin de semana. Entren un domingo pola mañá a calquera campo e séntense na grada. Non tardarán máis de dez minutos en escoitar insultos, berros ao árbitro, entrenadores e xogadores diversos. Unha desfeita moral que denigra ao deporte e que nos fai máis estúpidos como sociedade.

Unha das maiores demandas dos clubes de fútbol está en saber que facer cos propios pais dos xogadores (si, habitualmente pais...aínda que non sempre). Os clubes, habitualmente desesperados, teñen medidas na man pero son difíciles de tomar. Porque resulta difícil expulsar a un pai cando o perxudicado vai ser o rapaz, ou arriscarse a que marche do clube cando son os que aportan os poucos cartos que manexan os clubes pequenos (que son todos, en realidade). Pódense facer cousas, con tempo e vontade, e dan resultado, pero é difícil.

Eso si, podemos apelar á necesidade de máis pedagoxía, e máis educación, e moito taller e charlas...ás que so acuden os que non o necesitan (claro!). Pero sexamos realistas, vivimos aceptando estas conductas. Porque o verdadeiro cambio virá cando, se alguén fai o estúpido nunha grada, o resto dos presentes sinta a fervente necesidade de abuchealo e reprendelo por elo. Vaian vostedes a un partido de rugbi, comparen e comecemos a traballar.

Pais a cabezazos

Te puede interesar