Pedras no camiño da igualdade

O día a día tende a formar aparatosas polémicas sobre símbolos, formas e ata detalles. En moitas desas ocasións fanse, coma se fose por casualidade, sobre as reivindicacións da igualdade entre homes e mulleres. Así, hoxe discútese sobre eslóganes dunha campaña e outras veces sobre se o vestido dunha deputada ou ministra é axeitado ou non para un acto sobre igualdade. Esta insufrible tendencia deixa claro que o problema, para moita xente, está en entender que o problema de fondo non está superado.

Hoxe é tristemente real que unha muller que volva sola para casa despois de sair de festa pode pasar medo. Medo real. Medo a que a asalten, a que a ataquen, medo a non saber que pode pasar. Pero a pesares disto hai quen desliza (algúns máis sibilinamente e outros, aínda máis torpes, con toda claridade) que unha muller soa, con determinada roupa ou a saber a que hora pois ten que ter especial coidado. 

Segue a ser tristemente real que unha muller está peor valorada laboralmente que un home, aínda que poñamos exemplos puntuais de mulleres exitosas (as renuncias nos seus casos tenden a ser moito maiores que nas dos homes), e obviemos que para acadar eses casos moitas outras sufren polo camiño.

Segue a ser tristemente real que a loita feminista está estigmatizada por algúns, que se lle esixe unha eficiencia, exemplaridade e acerto que non se lle esixe a outros movementos e que xera temor e reticencias nunha boa parte dos entornos a cambiar. E aínda esto non cambiou todo o necesario, a pesares de ter conseguido avances.

Segue a ser real que a política non está toda convencida do imprescindible e imparable desta transformación, a pesares de facer esforzos por disimular e por facerse fotos violetas. Seguimos a escoitar a políticos (case sempre homes e case sempre de dereitas) decir que “os homes somos perseguidos polas rúas, sobre todo por prostitutas” como dixo un membro de VOX, ou que “as folgas de mulleres son o máis machista que hai”, frase que encumbrou a un dos máximos dirixentes do PP en Galicia.

A cuestión está en poñer o foco na muller, nas súas conductas, no seu hábito. Trátase de escudriñar cada palabra, cada mirada ou cada detalle, buscando con desesperación unha xustificación para poder abrir a porta a calquera comportamento por moito inasumible que sexa. A cousa está en sinalar á muller como culpable do que lle pasa, e querer discutir un valor tan esencial como a igualdade.

Ninguén me culparía a min se tivese un accidente de tráfico dicíndome que non fun precavido porque de noite pode haber conductores bébedos ou que se vou a ir por autopista teño que aceptar que alguén vaia a 200 km/h. Ninguén. Porque todos sabemos de quen é a culpa das cousas. Salvo cando se trata da igualdade, que hai quen a mira con luces cortas e con pretendida e absurda distancia moral. 

Pedras no camiño da igualdade

Te puede interesar