Pin Abascal

Houbo un tempo en que un profesor de Historia dun instituto da comarca non impartía os temas sobre movementos sindicais, a revolución rusa ou o marxismo, porque consideraba que non había lóxica neles e que eran perxudiciais para o alumnado. Incluso cabe ter en conta que eses alumnos examinábanse logo na selectividade, pero algúns temas tiñan que preparalos pola súa conta por ese veto docente. Unha tolemia inaceptable.

A implantación do veto parental que permite aos pais e nais decidir en que actividades do centro educativo van participar os rapaces, argumentando que a vontade dos docentes é “adoctrinar” e ensinar maldades, vulgaridades e luxurias é unha barbaridade dende todos os puntos de vista. 

Podemos debater, se fora o caso, sobre cal é o lexítimo límite ata o que pais e nais teñen control sobre os seus fillos. Eso si, sen volvernos moi tolos, porque é natural (ou debera selo) asumir que as persoas non son propiedade de ninguén, teñan a idade que teñan, sexan nenos ou nenas ou calquera outra diferenciación extrana que queiran poñer. Os fillos son responsabilidade dos pais e nais, pero non a súa propiedade. 

Por iso non ten sentido pretender estar por riba do sistema educativo, e querer decidir con maior autoridade que os docentes, o que se debe ou non se debe traballar nos centros educativos. Como non se pode decidir que temas de historia deben saber, ou se precisan aprender integrais e derivadas ou non. Do mesmo xeito que vemos como unha atrocidade que uns pais decidan que a súa filla non reciba unha transfusión de sangue por crenzas relixiosas, aínda que eso conleve a súa morte. Como seguro que vemos que ninguén dos que defende o veto parental se preocuparía de que os seus maiores participasen nunha ou noutra actividade nun centro social.

Esta inxerencia no sistema educativo é inasumible, porque os docentes son os profesionais que precisamente mellor preparados están para a formación dos nenos e nenas. Hoxe esa formación é algo máis que sumar e restar, e menos mal. Hoxe, por fortuna, trabállase en intelixencia emocional, en pluralidade, en comprensión, en empatía. Trabállase na construción social e no respecto entre persoas. Se cadra, se esta formación puidera ter sido recibida por moitos dos que hoxe defenden o veto parental, pois non o estarían defendendo.

O que é inconcebible é como unha gran parte do entramado mediático e político, de dereitas, con Pablo Casado á cabeza, baixan a cabeza e rinden pleitesía a cada bravuconada que a ultradereita quere impoñer. Coma se estiveran entregados á súa vontade, servos do que lles fagan defender. Que triste ver a un partido que aparentaba ser serio como o PP caer tan baixo. Semella que Pablo Casado fala o que Vox lle di que ten que falar e cala o que lle din que ten que calar. Semella que Casado ten, el si, un pin Abascal.

Pin Abascal

Te puede interesar