As pirámides de Exipto na praza de Ravella

Hai cousas que pasan cada catro anos: os Xogos Olímpicos, o Mundial de fútbol, o 29 de febreiro e a aparición dun proxecto faraónico xusto antes das eleccións municipais.
Leo últimamente sobre propostas que xa hai anos que se levan escoitando, e que casualmente aparecen xusto antes dunhas eleccións. Coma se houbera unha intención de “colocar” un produto para ver se alguén o compra aproveitando que é tempo de falar de palabras bonitas. Leo, incluso, que hai quen di que Vilagarcía pode acoller a Copa América, ter un teleférico na praia, heliporto, ou que vai a recibir ao maior trasatlántico do mundo. Cousas moi realistas todas…en fin. Non leo nada, iso si, sobre canto custaría todo eso: 100 millóns de euros? 150? 200? Quen os vai a ingresar? Aínda vai ser máis barato traer a Cristiano Ronaldo a xogar no Arousa a ver se ascendemos. Tamén me pregunto se Vilagarcía necesita alonxar 200 ou 300 metros o mar máis para dentro, e colocar un hotel de 70 metros de altura como barreira, como se non estivera xa demasiado lonxe da cidade. 
Que diríamos se alguén propón facer un Eurovegas en Corón? Ou unha liña de metro de Cambados a Ribadumia? E un aeroporto en Meaño?
É lexítimo que se queira defender un negocio privado, totalmente. Pero fágase contando toda a verdade e coa honestidade de non enganar a ninguén. Agardo que os responsables públicos, ou que aspiren a selo, teñan bos proxectos para as nosas vilas e cidades, e que non caian na tentación de avalar ideas imposibles. A cidadanía está farta, e con razón, do aeroporto de Castellón sen avións, da Cidade da Cultura que cada vez custa máis e nunca se acaba, de macroedificios que non sabemos para que son. Xa en Vilagarcía lembramos a quen propuxo unha praia fluvial en Castrogudín. 
As promesas imposibles son populismo, e xerar unha expectativa irreal para logo aproveitarse dela tamén o é. Persoalmente creo que é moi sano e productivo a vocación de ter ideas para mellorar, e a sociedade necesita de persoas que o fagan. Eu so pido que non nos fagamos trampas ao solitario, porque falar se pode falar calquera cousa pero eu non me podería crer a ninguén que me asegure que vai traer as pirámides de Exipto  á Praza de Galicia.

As pirámides de Exipto na praza de Ravella

Te puede interesar