O pobo é quen máis ordena

s xornadas de reflexión (días que deberan ser eliminados na necesaria, e xa tardía, reforma do sistema electoral) serven, con sorte, para descansar de escoitar durante as anteriores semanas unha batería de promesas. Serven, se acaso, para esquecerse por unhas horas do proceso electoral. Só queda un pequeno xesto que será o domingo. Pero ese é o máis importante, o xesto de votar.
Coma se dun neno se tratase (e xa vou tendo algún ano máis que os nenos pequenos) eu voto sempre con ilusión, coa crenza de estar facendo algo tremendamente importante. O meu ritual inclúe, cando é posible, votar ao final do día para manter a apetencia. Teño un amigo que prefire facelo de primeiro, porque sempre di que así, polo menos, hai un momento do día no que os que el vota van gañando. Que logo nunca se sabe. Así que eu convídolles a votar, a adicar eses cinco minutos a tomar unha decisión. Creo que merece a pena. Porque é unha maneira de expresarse, de opinar. A nosa implicación na vida colectiva e conxunta debe ir moito máis alá, pero este é un paso imprescindible. 
Cada quen terá os seus motivos e razóns. Ningunha menor que outra, pois cada razón é válida e poderosa. Cada un de nos ten os seus criterios, e como non desexamos que minusvaloren os nosos tampouco debemos facelo cos dos demais. Por eso todos os votos valen, e todos valen o mesmo. Dentro desas razóns estou seguro que incluirán a intención de ter gobernantes serios, honestos, que non manipulen, convencidos, preparados, sensatos, decididos. Compartimos, pois, varios obxectivos. Agardo que compartamos máis, e por eso os que nos presentamos ás eleccións debemos ser claros e nítidos. Confío en ter cumprido eses criterios tamén. 
Sei que moitas persoas das que leen isto votarán unha papeleta que ten o meu nome. E ben sei tamén que haberá outra xente que non o faga. Agardo que así sexa, e agardo tamén non saber quen é cada quen nin hoxe, nin mañá nin o luns. Estou plenamente convencido que todas as decisións son lexítimas. 
A partir do luns tocará continuar, xa non na etapa dos anuncios e de definir obxectivos, senón en traballar para conseguilos. Eu pídolles que voten para definir cales son os que vostedes priorizan, cales son os que prefiren e consideran máis importantes. É a súa maneira de entregarnos a nosa tarefa. Porque, como cantan os nosos curmáns portugueses: o pobo é quen máis ordena.

O pobo é quen máis ordena

Te puede interesar