Un Porto entregado a unha campaña electoral

erá tan complicado asumir que dúas institucións públicas poidan colaborar conxuntamente para a mellora da sociedade á que serven? Non debera. Estou seguro de que calquera respostaríamos de semellante maneira. Entón, por que o Porto de Vilagarcía ten tanta obsesión por bloquear e dificultar o futuro de Vilagarcía e a súa apertura ao mar?
Resulta decepcionante, por non ir a adxectivos maiores, observar nos últimos tempos a utilización que do Porto de Vilagarcía se está facendo por parte de quen, ao non ser capaz de facelo doutra maneira, pretende disparar e torpedear a labor dun Concello. O Goberno de Vilagarcía fará as cousas ben, mal, regular, horrible, fantásticas ou de calquera outra maneira segundo quen a valore. Incluso haberá quen non as valore. E a labor dos partidos políticos será controlar e plantexar alternativas. Non entanto, Vilagarcía entrou nos últimos anos nunha espiral perigosa na utilización do Porto como ariete, aínda que eso desprece á propia cidade e non faga máis que torpedear posibles melloras para toda a cidadanía.
Os veciños e veciñas de Vilagarcía vimos observando como o Porto parece ser máis un refuxio político do Partido Popular que unha institución ao servizo da cidadanía. Así, Vilagarcía comproba como o seu Porto ten sido unha pasarela para a promoción interna de tal partido. Foi utilizado para promover non unha, se non dúas candidaturas á Presidencia local do PP. Serviu como refuxio na dirección para persoas sen vinculación ningunha nin con Vilagarcía nin co eido portuario, como a propia Presidenta (na que nos gastamos moitos miles de euros ao ano en levar e traer máis de 150km ao día),  ou o xerente do SERGAS (sí, do SERGAS. Que ten que ver unha cousa con outra? Boa pregunta…). O Porto non pode ser o mazo para golpear nin a plataforma para que o PP, que parece que non confía nunca nos seus grupos municipais, faga oposición utilizando á rada como xa fixo, por exemplo, en Vigo con Corina Porro.
Pero o peor é que o Porto, que podería traballar no futuro político de progreso de Vilagarcía, faino en contra. Necesitamos abrir a cidade ao mar, reconectar con esa fachada marítima que pode aportar moito crecemento social e económico. Poden existir grandes proxectos coa apertura cidadá do Ramal, un espacio tan grande como desaproveitado e que se atopa bloqueado porque o Porto négase á facilitar o traslado das empresas a Ferrazo. Continuamos a ver como o maior río que atravesa Vilagarcía desemboca a través de pequenos tubos soterrados baixo unha nave industrial, ignorando a posibilidade de abrir espazos e solventar un eterno problema que xa sufrimos coas inundacións de 2006. E seguimos a ver como o Porto serve de cómplice activo para non ter un moi necesario centro de saúde na antiga Comandancia de Marina, lugar idóneo e que só necesitaría de vontade para ser feito.
Xa está ben. Fágase Porto, fágase Vilagarcía, permítase un traballo natural, colaborativo e de entendemento. De non ser así, todos e todas saímos perdendo. E non hai cabeza que poida aceptar que perdamos oportunidades de mirar ao mar porque se esté mirando cara Ravella.

Un Porto entregado a unha campaña electoral

Te puede interesar