• Jueves, 20 de Septiembre de 2018

Un dos problemas da política actual reside na ansiedade

Un dos problemas da política actual reside na ansiedade

Un dos problemas da política actual reside na ansiedade que se crea ao redor de certas persoas que, tentando de ser líderes, sentirse referentes, destacar ou polo menos que se lles coñeza, terminan por querer estar presentes en toda foto existente ou acto social que xunte a máis de 2 persoas. Algo como isto, que podería ser certamente lexítimo, pode terminar por resultar case cómico nalgúns casos. A presenza e a referencia non se compra nin se gaña unicamente polas fotos, senón que se recibe por parte dos demais grazas ao traballo, eficiencia e credibilidade. Eses son os valores que na política deberían ir por diante.
Pero, como non podía ser doutra maneira, hai sempre espazo para equivocarse. Como aquel persoeiro que asombrou a todos cando se destapou que chegaba a entrevistarse con grandes empresarios e dirixentes políticos, sempre da man de supostas recomendacións do Presidente do Goberno ou da Casa Real. Se cadra aquel foi un retrato dun certo embobamento en torno aos formalismos, as recomendacións e a tendencia a sentirse importante por ser algo ou, o que é peor, por crerse algo. Pero non foi aquel pequeno Nicolás o mais sinalado, ou non debera. A realidade é que conseguiu moito do que buscou, e se reventou o asunto foi por exceso de ambición, que de non ser así podería ter continuado a súa quixotesca andaina. Eso debera sinalar máis a quen creía e aturaba sen rechistar aquel carácter endiablado, sen preguntar quen era ou sen xulgar o que facía. “Se é amigo de alguén non se lle pode discutir”, deberon pensar moitos. Triste.
A verdade é que non e tan difícil de explicar, pois segue existindo (e seguirá por moito tempo) o perfil de quen considera que o importante é estar, aparecer, autosinalarse incluso, e que é moito menos importante o motivo polo que se fai. Unha foto ou un titular é un ben demasiado prezado como para non deixarse un pouco de credibilidade polo camiño, poderá pensar quen este obsesionado por elo. E así atópanse moito máis habitualmente do que se debería a rostros repetidos que ninguén sabe que fan, nomes habituais de titulares inconcretos ou, incluso, hai quen crea problemas para poder decir despois que contribúe a solucionalos. Todo vale con tal de sacar a cabeza. 
Por que ocurre? Probablemente porque é efectivo, e porque haberá quen premie estas condutas. Se non for así, probablemente faríase menos. Así pois tamén debemos ser algo autocríticos, porque canto máis esixentes sexamos menos superficialidade aceptaremos. E veremos a moitos menos aspirantes a ser pequenos Nicolás.