Que país queremos ser?

Un bo profesor, que acabou por ser un bo amigo, dime sempre cando debatimos sobre o divino e o humano que cre que cando se fan valoracións sociais ou políticas debemos movernos dentro da realidade. É fácil considerar que debemos pagar menos impostos e ter máis servizos públicos, que non hai tempo para ensinar o fundamental na escola pero que os rapaces deben ter clase de centenares de cousas distintas, de que debemos defender o propio máis que nada pero ser moi internacionalistas. Tamén deberíamos, como país, ter tomado medidas contra o coronavirus antes de que se soubera que había coronavirus, pero sen parar a economía porque é un desastre. Pero todo esto non é realista, pois aí está precisamente o debate da política. 

Decíame este profesor que unha pregunta fundamental que todos nos deberíamos de facer é: “que país queremos ser?” Ou tamén formulada como “a que país queremos parecernos?”. Moitas veces miramos para os países nórdicos en (algúns) servizos públicos, para os Estados Unidos na captación de talento das súas empresas, para Alemania na eficiencia laboral ou para Suiza na súa suposta apertura democrática. Nunca vemos os déficits en vida social, en servizos públicos, en solidariedade ou en transparencia do sistema financiero. 

Seguindo o criterio do meu profesor, miro estes días a que país querería que se parecera o meu nesta crise horrenda que estamos a pasar. Vexo sociedades e países que melloraron ao noso nalgúns aspectos, pero non deixo de ver que o empeoraron noutros. Vexo como se enganan os datos en case todos os países do mundo, supoño que para intentar transmitir imaxe de solvencia fronte a investimentos e variacións do mercado. Observo como Alemania non está sendo unha referencia, como Gran Bretaña quixo optar ao principio polo “sálvese quen poida”, modelo que en certa maneira está facendo Suecia. Vexo como en EEUU a crise sanitaria é obxecto de mofa do seu Presidente. Non me creo os datos de China, e tampouco coñezo a realidade coreana ou xaponesa, sobre a que os expertos colocan algunhas dúbidas palpables. Miro Holanda e atérrame o que escoito dos seus dirixentes. 

A realidade, por tanto, é teimuda. Expón con claridade como as decisións de tipo facebook son imposibles. Existen milleiros de matices, milleiros de variables, que probablemente case ninguén poida ter ao completo enriba da mesa. Non hai solucións máxicas, como non hai países máxicos. Non sei, non podo saber, se o noso é o país que mellor o fai. Erros hai, pero cando o meu profesor me di que hai que pensar a qué país queremos parecernos creo que, de fondo, quere contarme que a realidade é totalmente imperfecta pero hai que asumila así, en conxunto. Non asumir esta visión global impide facer unha valoración realista que, ao final, é o que nos dará un camiño viable. 

Que país queremos ser?

Te puede interesar