Que pasou co meu médico?

Non será fácil atopar a un galego ou galega que nas últimas semanas, ou meses, non teña sabido da existencia de problemas na sanidade. Ben sexa porque o le nos diarios, ben porque é tema de conversación da rúa, nas mesas da casa ou ben porque, sinxelamente, o comproba cando vai ao seu centro de saúde e non está o seu médico ou cando do hospital non lle dan chamado para darlle cita.
Como todo cambio de fondo, os resultados vense a longo prazo. Iso está pasando agora. Hai xa anos que a todas esas persoas que vemos no centro de saúde se lles trata peor por parte dos seus xefes. A médica que lle atende a vostede ten 5 minutos para vostede, como moito. A enfermeira que atende á súa nai na cama do hospital foi contratada o luns e despedida o venres para volver a contratala o luns se hai sorte. A persoa que lle colle o teléfono para darlle cita pode que esté cobrando o salario mínimo, facendo xornadas máis longas do que di o seu contrato. O que fai a comida traballa en precario, a centos de quilómetros para que logo un camioneiro a traia nunha neveira para que salga 10 céntimos máis barata. O médico que viña na ambulancia que o atendeu saiba leva moitas horas sen descanso e tivo que lavarse a roupa de traballo esta mesma noite na casa. A maioría deles están entre os profesionais sanitarios peor pagados de toda España só por traballar en Galicia.
Resultado? Formamos fantásticos sanitarios, pero marchan a outro lugar porque aquí se lles despreza. A outros lugares de España ou a Portugal ou Inglaterra. Pode ser que vostede coñeza algún caso. E agora temos que escoitar que cando o seu médico está de baixa, a culpa é del por poñerse enfermo xa que sabe que non hai ninguén que o substitúa. I é mentira. Hai substitutos pero, curiosamente, queren traballar dignamente e non sentirse abusados. Así pois, emigran. O problema é maior cando queda en evidencia que hai quen quere que a situación sexa esta, e non ten vontade de cambiar.
Médicos, enfermeiros, celadores…hai profesionais. Pero necesitamos tratalos con dignidade. Se non, seguirán marchando. 
Caberá aproveitar que temos diante a Noite de Reis para pedirlle a Gaspar, Melchor e Baltasar que nos traian un pouco máis de cabeciña, cordura para xestionar as cousas de todos, que retiren un pouco de soberbia de quen dirixe a sanidade e, por favor, que ninguén se leve aos nosos médicos. Ou, mellor dito, que ninguén se empeñe en expulsalos para logo dicir que non hai. Cinismo. 

Que pasou co meu médico?

Te puede interesar