Quilómetro emocional

Máis de 400.000 persoas morreron en Siria dende o inicio da guerra. Algo así como 120 ao día. Homes, mulleres, nenas, maiores. Todos os días durante 9 anos. Soa como algo habitual, raramente cotiá, non abre informativos, non se fala cos amigos.

Dende o domingo pasado tiven sobre 10 ou 12 conversas sobre o accidente de helicóptero de Kobe Bryant. E non teño problema en asumir que me sobrecolleu a noticia. No accidente faleceron máis persoas, incluída unha familia completa e algunha outra persoa relacionada co deporte (un entrenador), pero esa xente serán nomes que borraremos da memoria se é que nalgún momentos os retemos. 

Por que? Porque os mortos son distintos, si. Non se trata de debater sobre se é xusto, aceptable ou ético. Ningunha destas cuestións é resoluble. Non doen igual, non afectan igual. Existe unha distancia coas persoas, que non ten que ver con cuestións físicas senón emocionais. Para os que seguimos o deporte, e de maneira especial o baloncesto, Kobe Bryant era un gran referente. Xogador inigualable, destacado na súa visión do mundo e da vida dentro dun mundo onde non se habitúa a ver xente con certas inquietudes. Amigo do “noso” Pau Gasol, falaba español con certa fluidez e ten sido agarimoso cos nosos deportistas. Un xogador de élite diferente.

Multitude de pavillóns, equipos deportivos de base, clubes destacados, deportistas individuais, afeccionados, xogadores de fin de semana...non deixan de sucederse mostras de afecto que nunca chegarán a ningún lugar e que non son máis que maneiras de desafogar unha angustia persoal de inquedanza. Non ganamos nada, pero sírvelle a moitos de liberación. Pois algo é.

Dime un coñecido que hai accidentes todos os días e non nos preocupan tanto, pero tamén penso que hai moitas persoas ás que lles doen pouco as mulleres asasinadas por ser mulleres, un horror tremendo. Somos como somos. Doen máis os mortos en Europa que en África, porque “son coma nos”. Son máis próximos. Somos como somos.

Si, calquera de nos percibe e sinte distintas as dores en función de cando, como e a quen. Somos humanos, e así o vivimos. É xusto? Aínda que sexa duro asumilo, resulta difícil de contestar esta pregunta, porque é complicado determinar o que é xusto e o que non cando falamos de sentimentos.

Quilómetro emocional

Te puede interesar