Entre a realidade e o relato

 recuentemente en política apélase ao coñecido concepto do “relato” como explicación dun fenómeno ou situación. Básicamente este “relato” ven sendo a maneira en que a sociedade en xeral entende as causas e consecuencias do que vai ocorrendo. 
Contáronnos que a crise económica de hai 10 anos foi porque viviamos “por riba das nosas posibilidades”, e foi unha explicación moi aceptada a pesares de que non se incluía nela que a concesión de hipotecas era abusiva e que os investimentos dos bancos eran dubidosos. Non, a culpa tiña que ser doutro. Habitualmente escoitamos que o privado é máis eficiente que o público, cando non existe ningunha evidencia diso, cando podemos comparar a educación e sanidade públicas coa privada e cando comprobamos como hai que rescatar autopistas xestionadas dende o privado ou como a corrupción nace do sector privado. 
En Galicia contáronnos que a xestión da COVID foi boísima, cando foi on confinamento o que evitou que chegara con forza. Contáronnos que foi importante a planificación, pero aí está o fiasco do inicio do curso, ou a simpática lembranza de que o plan contra a pandemia nas praias presentouse o 2 de setembro.
Escoitamos mil veces a Feijóo contar que o seu goberno foi fantástico contra a pandemia, pero ven de relevar no seu cargo a todo aquel que tivo responsabilidades no asunto (sanidade, educación, residencias de maiores…). Todos. Menos el. Haberá un relato, que contará que todo é unha estratexia infalible para afrontar mellor o que ven por diante, e que evitará a idea que é un xuizo do que se fixo ata agora. Sempre haberá unha explicación, un relato, que tamén o dará a pervertida televisión pública galega con presentadores humillando a súa propia profesión.
Ás veces penso que entre tantas ocasións en que os máximos gobernantes galegos sentarán a conversar estarán satisfeitos polo que consideren conseguido. Pero hai veces nos que creo que, nalgún momento, escaparáselles un sorriso burlesco sobre a capacidade de que se fale de relatos artificiais que inventan nos seus despachos, e non de realidades duras e urxentes. É entón cando penso que se ríen, pero quero crer que non é así.
Un importante reto político na Galicia actual está en conseguir que sexa importantísima a realidade, e non o relato. Os que perseguimos ese obxectivo non estamos atinando ben. Pero é imprescindible.

Entre a realidade e o relato

Te puede interesar