Rivaldo e os amores de papel

Alá polo inverno de 1997 vivín a experiencia dun Deportivo – Athletic de Bilbao no que era para min un inmensísimo estadio de Riazor. Non ía media hora de xogo e o adestrador do Dépor, por entón un galés con nome de whisky, decidiu quitar do campo a Rivaldo. Foron polo menos 7 grados de escala Richter que sufriu aquel estadio, i eu lembro agarrarme ao brazo do meu tío Jorge porque non sabía se aquello estaba caendo abaixo. 
A grada estaba namorada de Rivaldo, un brasileiro que cruzara o océano meses antes para retomar o relevo de Bebeto e revolucionar o concepto do mediapunta en Coruña. Contábanse historias sobre que o primeiro salario que tivo o adicou a arranxar a dentadura e comprar un televisor a súa nai, ou que camiñaba coas pernas arqueadas porque de neno corría 20 quilómetros cada día para ir a entrenar. Nada hai como un pobo entregado para facer crecer o teu mito. 
Rivaldo terminou aquela temporada con máis de 20 goles, e co Deportivo subido ás barbas dos grandes de España. O Dépor camiñaría con paso firme gracias á súa nova estrela. Pero un 15 de agosto dese ano, no último día de fichaxes da nova tempada, Rivaldo asinou un contrato para marchar correndo ao Barcelona. Por detrás, sen avisar, e despois de ter recibido todas as caricias que lle caben a Coruña, Rivaldo agarrou unha maleta chea de cartos e marchou.
O Dépor, e toda Coruña, quedaron compostos e sen noivo. Como un namorado ao que lle advertiron mil e unha veces que estas cousas pasan, pero que mil e unha veces tivo por intención cambiar o destino. O despecho fixo aos coruñeses fichar sucesivamente a xente con nomes raros como Manteca Martínez, Abreu, Renaldo, Evaldo, Rindaroy e algún outro personaxe que pegaría fantásticamente nunha película de serie B que tivera a súa última escena nun garito oscuro do Orzán. Ningún deles sabería distinguir un balón dunha sandía, pero cóntase que moita hostelería herculina fixo cartos para aguantar un par de invernos gracias a eles. O despecho é o que ten.
Rivaldo, que podía ter sido un símbolo e un ídolo, preferiu vender a súa condición e aplicou o vello criterio de Rodrigo Rato: “é o mercado, amigos”. É lexítimo. Pero ninguén pode agora deixar de pensar en que todas as mostras de amor que o brasileiro espallou por Coruña no seu ano alí tiñan prezo, e sin dúbida el o cobraba. De nada importou que o Deportivo fose o clube que o descubriu para Europa, que Coruña fose a casa que lle abriu as portas do mundo. Ao final, chegou un clube máis señorial, máis guapo, con máis oportunidades e co que viste mellor sair a cear polas noites.  Rivaldo debeu pensar que Coruña era un lugar bonito, honesto e sinceiro, pero esas historias son bonitas para que as escriban outros. 
Cando un busca o éxito é importante chegar ben aos sitios e traballar moito. Pero é igual de importante saber saír. Porque o éxito permite disfrutar o momento, pero é efímero. Resulta máis construtivo deixar un poso, permitir que a un lle recorden con agarimo. É máis importante ser honesto consigo mesmo, e recoñecer o que os demáis fan por un e non vivir pensando nas facturas que hai que cobrar. Dun grupo de amigos, dun equipo deportivo, dunha organización política, dunha relación ou dunha cidade hai que saber sair, e comprender que a todos nos fai grandes o que os outros fan por nos. Hai amores que son de paso e transición. Hai amores que valen só o tempo en que tarda en chegar outro amor máis grande. Hai amores que son de papel.

Rivaldo e os amores de papel

Te puede interesar