Que River e Boca non xoguen nunca

a final da Copa Libertadores River – Boca non debe xogarse nunca. Existen varias razóns para elo, e case todas teñen lóxica. 
En primeiro lugar, se un partido debe ser adiado tres veces (o de ida xa tivo que cambiarse de día) é que algo está fallando máis do normal. Cando alguén che cambia tres veces o día para quedar a falar, é que non quere falar contigo. Para que insistir unha cuarta vez?
Ademáis, resulta necesario sentar un precedente contra o radicalismo. As imaxes vistas estes días foron lamentables, o forofismo chega á violencia cando non hai control, e o dominio das mafias de barras bravas en Arxentina necesita un lavado, unha correción, un plante necesario. O país onde todo o que ten que ver co fútbol adquire dimensións divinas ten demostrado que o sobrehumano so se aprende con decisións salomónicas. Arxentina é un lugar que adoro, pero tamén é un país onde as elecións á presidencia da súa federación de fútbol empataron 38-38 sobre un censo de 75 votos. Non caben máis concesións. 
Por se fora pouco, é ben certo que é imprescindible un respiro. Un aire. Un país, un continente e a atención mediática de medio mundo do deporte non poden estar focalizando en espectáculos tan entristecedores. Hai moreas de competicións deportivas que merecen unha atención que, agora, non reciben na súa xusta medida porque as deplorables imaxes e noticias que xera este partido están invadindo todo. O deporte necesita prescindir temporalmente de algo de fútbol.
Aínda máis, porque se perigoso é asumir que se inicie un partido con esas condicións previas, canto de perigoso poden ser as consecuencias? Que pode ocurrir cando termine? Cando un deles gañe e, sobre todo, cando o outro perda... A onde se pode chegar? Que pode pasar no mesmo campo se hai un penalti inxusto, un gol dubidoso, unha pelexa entre xogadores? Que pode pasar ao día seguinte nas rúas, nos traballos, nas casas? A menudo cóntase que nada supera á ilusión pola victoria. É mentira. A frustración pola derrota a mans do eterno rival é insuperable.
Pero, por se non fora pouco, hai unha razón máis. Esta menos lóxica, e ademáis profundamente futboleira. Este partido non se debe xogar porque, ao igual que nunca chegou a haber un Madrid – Barça na final da Champions (menos mal), non debe haber un River – Boca na final da Libertadores. Porque despois deso, non haberá nada. A historia do deporte nace do esforzo por superarse, da rivalidade, da competencia. Que máis pode haber despois dun partido como este? Nunca haberá revancha suficiente para o que perda, nunca haberá alegría máis grande para o que gane, nunca haberá tanta emoción como neste partido. O River – Boca sería, ao final, o último gran partido. Non poderá nunca haber outro. Así que, se nos gusta o deporte, se nos gusta o fútbol, a historia debe escribir que este partido nunca se xogou. Haberá entón tema suficiente para vivir 100 anos contando o que puido ser e non foi, que ao final é o material do que están feitas as historias da nostalxia.

Que River e Boca non xoguen nunca

Te puede interesar