Rosmar é máis fácil que gobernar

Nestes días escoito a moita xente que se queixa da realidade social que vivimos en Galicia, cunha sanidade en precario, con empresas pechando porque non hai política industrial ou coa sensación de que a política social é un adorno. Moitas desas persoas, a pouco que o pensan, son conscientes de que non atopan unha medida efectiva en Galicia que resolva os seus problemas. Non entanto, curiosamente, tamén son conscientes de que non escoitan ou leen moita queixa ao respecto.

Esta conversa, que se repite varias veces ao día dende hai moito tempo, sería un bo exemplo do que é unha gran labor de comunicación. Estou seguro que é así, aínda que podería debatir moito de que é máis fácil que te piten un penalti se o árbitro é da casa, pero de fútbol falamos outro día.

A comunicación, decíamos, é a chave. Seguramente ten que ver que rosmar é máis fácil que gobernar. Expliquémonos. Vostede seguro que viu, durante semanas, que dende Galicia existiu un run-run permanente, un gruñido constante demandando sempre máis, un Feijóo que creía que todo era mellorable e que laiábase de que todos foran moi malos (menos el, que é fantástico). Lembrábame a un amigo meu que nunca pensou que o seu fillo acabase unha carreira e, cando o rapaz se licenciou, poñía mala cara porque non sacara máis nota. A Feijóo todo lle pareceu pouco, todo lle pareceu mal.

Saben que ocorreu con ese Feijóo que non quería Estado de Alarma, que decía a primeiros de maio que todo estaba terminado e que non entendía por que o país non se activaba? Ocorreu que agora,  non abre os centros de día ata setembro, ocorre que non quere un acordo para abrir as escolas con medidas de seguridade, ocorre que cambiou 4 veces de opinión sobre se pode abrir unha cervexería ou non. Ocorre que non quere abrir os centros para que poidan ser visitadas as persoas con discapacidade… Ocorre que todo eso, agora, ten que esperar. Porque, si, protestar sobre o que fan os outros é fácil, pero tomar decisións é complicado.

Vai ser certo que a comunicación fai milagres, e incluso ben xestionada fai campaña electoral (37 comparecencias íntegras na televisión pública, ollo ao dato). Pero non é menos certo que non constrúe nada, que únicamente pretende deformar a realidade para aproveitarse, e tamén é certo que amosa ben pouquiño de sentido de país. Pero, en todo caso, é probable que haxa a quen eso lle importe pouco. E mentras, os centros de día pechados, as escolas sen saber que facer, centros de saúde a medias e ata moitos locales de ocio enloquecidos polo mareo. 

Rosmar é máis fácil que gobernar

Te puede interesar