Salvemos a Universidade

Probablemente haberá alguén entretido con tal espectáculo bochornoso da universidade española, que parece terse convertido nun facilón mercadeo de titulacións. É posible que moita orixe deste problema se atope na moderna (pero trasnoitada) convicción de que ter un título da caché e te fai mellor persoa. Ser un gran ciruxán ofrece certas oportunidades vitais, incluso unha aparente comodidade e benestar persoal, mellores soldos e unha vida teóricamente máis desafogada que se un é albanel ou chófer . E iso sería outra discusión. Pero sería absurdo pensar que unha avogada é mellor ser humán que unha zapateira. Non digamos xa se a comparativa inclúe a alguén desempregado.
Pero resulta que esta febre de títulos levou a moita xente a vulnerar a Universidade. Esa Universidade que recolle (ou debera) o saber, o progreso e o avance científico e de coñecemento dunha sociedade. A Universidade debe ser vangarda, pero constatamos hoxe que ten estado pervertida e manoseada nalgúns puntos. Lamentablemente.
Non entanto cabe romper unha lanza, ou dúas se fixera falta, a favor desa Universidade que entre toda unha sociedade se construíu. Cabe apuntar a que os puntos oscuros, os pozos sombríos non poden manchar a toda unha institución. A nosa Universidade é a que produce a marabillosos profesionais de medicina que se rifan no mundo, a enxeneiros que poñen o seu coñecemento nos maiores avances da ciencia e a tecnoloxía. Somos un país envexa de moitos pola súa formación, e tamén o fumos durante moito tempo por universalizar o ensino universitario. Un dos grandes avances sociais foi que a Universidade deixou de ser un reducto de élites, que os sistemas de becas promoven que unha mente brillante non quede atrás por cuestións económicas. Que a Universidade sexa máis accesible fai que un país sexa menos desigual.
É imprescindible defender iso, e lembrar que na universidade se construíu moito da loita antifranquista, que a xeración que máis se indignou e mobilizou contra a guerra ou polo Nunca Máis naceu tamén nas universidades, que en Galicia fomos pioneiros nas grandes reivindicacións contra a LOU e que miles e miles de galegos e galegas fan mellor este país cada día tamén dende a universidade. 
Non podemos esquecer que hai melloras que facer, superar unha endogamia aínda presente e un sistema que está excesivamente burocratizado afogando a creación, o avance e a ensinanza directa. Existen espazos de difícil progreso, ámbitos nos que a universidade necesita mirarse para dentro e mellorar, pero son máis, moitos máis, aqueles onde se fai desta sociedade unha mellor sociedade. Lugares onde se constrúen personalidades críticas, onde se confrontan pensamentos e se mantén un nivel intelectual e de sentido colectivo que para si quixeran moitas veces outros espazos como, por exemplo, a política.
Temos unha gran universidade. Fantástica. Pero é imprescindible defendela. Dos que a atacan sistematicamente recortando fondos, reducindo persoal e dificultando o acceso a todas as persoas; pero tamén dos que a utilizan como cortello, dos que a pretenden comprar e dos que están dispostos a vendela. Salvemos a universidade de todos eles.

Salvemos a Universidade

Te puede interesar