Sanidade á deriva

Vivimos, probablemente, un dos peores veráns en xestión sanitaria que se lembran. Se non o peor. Centros de saúde con un ou dous médicos onde deberá haber seis, listas de espera que non existían, citas para especialistas que se dan para 2021… un desastre. 

Onde está o problema? Vexamos algúns datos. Galicia é a terceira comunidade autónoma con menos profesionais de medicina por habitante, e estamos na mesma posición en profesionais de enfermería. Levamos 10 anos desperdiciando a oportunidade de solicitar formar a máis médicos/médicas por deixadez, recortes e indiferencia (ata 150 máis, so para centros de saúde, que poderiamos ter agora). Preséntanse milleiros de persoas ás oposicións, pero logo cóntase que non hai xente para contratar. E así poderíamos seguir sen pausa todo o día.

O sistema sanitario ten unha gran fortaleza, froito de que temos unha delicia de profesionais, que se desviven por facer o seu traballo con máis autoesixencia da que se pode pensar. E funciona, incluso, a pesares dos seus dirixentes. Eso si, non poderá aguantar todo o tempo se hai quen persiste en desmontar unha estrutura tan brillante. 

É moi difícil xestionar ben algo no que non se cree e, sexamos sinceiros, non parece que esa premisa se cumpra dende hai anos nos que teñen que xestionar a nosa sanidade. En troques, e lamentablemente, escoitamos burdos intentos de maquillaxe, intentos de frases grandilocuentes e aparentes novas medidas revolucionarias para que pareza que todo está fantástico. Pero a realidade é que xa non queda quen defenda a situación actual. Médicas, enfermeiros, matronas, pediatras, pacientes, xestores… todos acordando que precisamos un cambio de mentalidade e de proxecto. Todos menos quen a dirixe.

Temos dereito a que non existan semanas de espera no centro de saúde e a que nos atendan cos medios necesarios. Non podemos asumir como normal que o enfermeiro que nos fai unha cura teña 150 contratos durante un ano, que a médico que nos receita teña 70 pacientes ao día ou que non saibamos se mañán pola mañán haberá alguén para atendernos. A sanidade non merece experimentos e recortes. Non na nosa saúde. E queda en evidencia que por máis voltas que lle demos, hai quen prefire que quede á deriva. Non o permitamos.

Sanidade á deriva

Te puede interesar