A soberbia dos insoportables

Un perigo percorre España, o perigo da soberbia. 

A lamentable e destrutiva actitude da dereita política, VOX, PP e Cs na recente sesión de investidura amosa o terrible panorama que queda por diante esta lexislatura. 

Está Cs que, no seu proceso de transformación, pasou de ser un partido relevante que non quixo ser decisivo a un partido decidido a ser irrelevante. Está VOX, que vai conseguindo que toda a dereita fale e actúe coma eles, normalizando as súas barbaridades e permitindo que pareza aceptable o que non o é. Está o PP, sumido nun proceso de autodestrucción, con Aznar ao frente intelectual (manda truco) e con Casado ao frente de non se sabe que.

Xuntos están derribando moitos muros anteriormente construídos por todo un país, no que se respetaban os resultados das eleccións e no que se podía discrepar pero non se debía menospreciar. 

Os insultos, as barbaridades, as amenazas gravísimas que sufriron deputados e deputadas, nalgún caso amizades persoais a que vin pasalo mal, son insoportables. E teñen nome, o daqueles que os provocan e que alimentan un país máis de Machado que nunca.

Así de rotos estamos, cunha dereita irresponsable a quen non lle importa cargarse un país se non o poden manexar. Un país que, todo sexa dito, non coñecen nin recoñecen e no que quedaron anclados anos atrás. E haberá que reconstruir, porque de nada vale enfrentar. Esa tamén a tarefa dun goberno que saiu das urnas e do acordo, que son as ferramentas que dan lexitimidade. Esa tarefa será difícil, pero ao final, e coma sempre, uns vomitan a palabra España e outros a constrúen para que todos poidamos convivir nela. Así foi a Historia, que sempre se repite.

A soberbia dos insoportables

Te puede interesar