Somos grandes

pandemia do coronavirus ten amosado moitas debilidades da nosa sociedade. Entre elas a tendencia inigualable a ser ultracríticos, demoledores co noso entorno. Todos somos expertos en epidemias, doutores especializados enfermidades infecciosas, grandes coñecedores do funcionamento do exército, profesores de dereito constitucional, comunicadores espléndidos e psicólogos experimentados. Moitas veces pregúntome por que unha sociedade con tanto talento non é perfecta. 
Entre os habituais canturreos está denostar toda proposta, medida e idea que se poña en marcha. Faise en base a dous fundamentos, en primeiro lugar que é mala e en segundo que eu o faría mellor. Eso si, tampouco hai moita maneira de demostralo. Di algunha vez un bo amigo que somos campións do mundo en buscar problemas. Ollo, en buscalos. Nen sequera en atopalos, que sería máis produtivo. Pero parece existir unha ansiedade por ser máis críticos, o que nos presupón mellores a nos mesmos, claro. Hai moito “a posteriori”, hai moito científico do “hai que” (hai que facer, hai que dicir, hai que saber…).
Por discutir, que é o que me gusta, eu teño a opinión contraria. Creo, case sempre, que quen toma decisións está capacitado para facelo. Penso que case toda idea que a alguén se lle ocorra non é, en realidade, novidosa, senón que a outras persoas se lles ocorreu antes. Trato de buscar sempre o argumento para saber por que algo que me parece ben non se leva a cabo. Asumo, ilusamente, que a realidade é moi complexa e as variables son inmensas. E trato de lembrar a existencia de sesgos de perspectiva, polo que tendemos a asumir que a nosa mirada é única ou, polo menos, prioritaria fronte á dos demais. Eu creo que somos unha gran sociedade. Imperfecta, claro, pero con capacidade inmensa de sobrepoñerse. Creo que somos grandes, e creo que hai milleiros de exemplos que o amosan. Tamén neste momento. 
O goberno mobiliza 200.000 millóns de euros en axudas (o maior volume de nunca), a oposición política respalda as medidas, as autonomías pospoñen as eleccións e deseñan marcos legais novos (algo nunca feito) apenas en breves conversas entre os teóricos rivais. Unha enormísima parte da poboación, practicamente a súa totalidade, acata as normas máis restritivas de liberdades que moitos temos coñecido na nosa vida (e que, agardo, coñeceremos). 
Hai propietarios que non cobran alugueres, cidadáns que aplauden e admiran aos profesionais sanitarios. Hai máis chamadas que nunca á xente que queremos pero que, noutros momentos, deixarímos pasar semanas sen contactar. Hai apoio mútuo. Hai veciños axudando aos maiores do edificio. Hai milleiros de persoas creando ferramentas para que os pequechos da casa poidan aproveitar o tempo para aprender, compartindo coñecemento para o ben común. Hai ideas creativas, vontades colectivas. Hai unha sociedade moi por riba do negativismo. E por iso, tamén por iso, superaremos esta situación e poderemos seguir entregándonos ás conversas nas que poidamos pontificar que todo esta mal. 

Somos grandes

Te puede interesar