Son as emocións

eguramente calquera de nos ten un, dous ou vintecinco amigos que nestes días teñan dito que “isto vainos cambiar”. E de seguro que teñen razón. Aprenderemos, ou debéramos aprender, deste escenario novo.
O que enormemente chama a atención cando un comparte conversas nestas semanas é como case todos apelamos á necesidade de normalidade, de facer aquelo ao que habitualmente non prestábamos nin atención. Comprar o pan ou o periódico, camiñar polas rúas cheas de xente, conducir, atoparse coas sobriñas, falar cara a cara cos amigos...son accións cotiás, que non serían nada máis que o natural dun día nas nosas vilas.
Atopamos nestes días que o máis sinxelo é o que antes botamos de menos, porque so temos morriña do que nos falta, como lle pasa a un galego que sae da terra e non atopa en ningures un bo churrasco.
Son as emocións diarias as que nos falta, o bo rollo que entra no corpo cando pola mañanciña fai un sol lúcido e amplo, o contacto e os abrazos que nos transmiten proximidade, saír a comer e visitar os nosos bares onde sempre hai un sorriso ao outro lado. Eu boto de menos ata algún cabreo con algún amigo co que me encanta discutir para acabar pedindo dúas cervexas.
Somos emocións, como diría un expresidente, e podemos aprender o valor das motivacións máis sinxelas (que non simples) e como moven a nosa vida. Sirvan estes tempos para entendernos mellor,  e para que sexamos conscientes de que son importantes os números, os datos, as contas...pero o noso fundamento son as emocións.
Non sei vostedes, pero eu non estou pensando en que cando isto remate terei a oportunidade de facer grandes cousas. Eu sigo dende o primeiro día falando cos meus amigos da boa churrascada que nos vamos a dar cando nos vexamos, e das ganas que teño de rir con todos eles. 

Son as emocións

Te puede interesar