Ou subir as pensións ou muros contra inmigrantes

Hai moito tempo que case calquera conversa sobre política, partidos e eleccións, pasa polo inevitable punto de asumir que xa non se fan moitas propostas, ou que os programas deixaron de ter importancia. Indiscutiblemente os liderados colleron un enorme protagonismo na política nos últimos tempos, en moitos casos ata ser case o único argumento. Algúns, incluso, usan as caras como logo electoral (xa houbo quen o fixo. Todo se pega menos a fermosura!). Se cadra de aí veñen algunhas situacións da actualidade, que dependen máis de que fulanito ou menganito (porque case nunca hai mulleres no eslabón máis elevado da cadea) teña un bo día ou baixe á terra e entenda que o importante son os demais.

Non entanto, sigo pensando que son as ideas, as propostas, os proxectos os que deberan rexer o debate político. Por tanto, fagamos un exercicio de reflexión e díganme, así de repente, o que lembran escoitar, ler ou saber de propostas e ideas que propoñan os partidos que se presentan agora ás eleccións para o vindeiro domingo. Pouco lles virá á cabeza. 

Diría que poden lembrar apenas algunhas propostas. Poden estar a favor, ou non, de vincular as pensións ao IPC, de subir o salario mínimo a 1.000€ ou de regular a eutanasia. Eu a favor das tres pero, polo menos, hai temas a debate. E todos eles foron propostos polos socialistas, desculpen a cuña pero así foi. A pesares disto, pouco máis atopamos, salvando que hai quen quere facer un muro contra os inmigrantes ou sacar os tanques á rúa en Barcelona, cousas que di Vox. Porque o programa electoral común de varios é que Pedro Sánchez é moi malo, e hai que quitalo. Por que? Porque é moi malo. Por qué é moi malo? Porque é Pedro Sánchez. E así xogamos á roda todo o rato.

Dirán que estou facendo campaña. E si, claro. Porque toca, e porque creo que se vostedes non queren que este país o dirixa un alocado Abascal, non caberá outra. Non podemos xa esperar a que Rivera acerte, aínda por casualidade, agora que dispara ao aire sen saber para onde ir. Non parece sensato agardar a que lle crezca a barba a Casado, nin deu resultado escudriñar ese tarro das esencias puras e impolutas que se autoconsidera Pablo Iglesias. Seguro que algo poderán aportar durante unha lexislatura, porque todos suman (menos a ultradereita, que sempre resta), pero fronte a calquera outra valoración lembren aos clásicos: os experimentos, en casa, e con gaseosa. 

Ou subir as pensións ou muros contra inmigrantes

Te puede interesar