Tomarse en serio a Ría de Arousa

Viaxar é un dos maiores praceres que un pode coñecer. Permite abrir as visións, entender as bondades do pluralismo, da convivencia e das diferencias enriquecedoras entre culturas, entre persoas… Permite, ademais, coñecer espazos marabillosos, paraísos naturais e tan distintos que un é consciente de que o mundo é moi amplo para poder sentirse grande.
De entre todos os lugares que un pode atopar no mundo, haberá moita xente que considere que alí onde vive é o gran paraíso. A sorte que temos na Ría de Arousa é que pode ser que, pola contra do que os demais pensen de outros lugares, nós si que teñamos razón. A Ría de Arousa é un enclave inigualable, que temos o privilexio de desfrutar e a obriga de coidar. 
O impacto medioambiental da ría é de difícil discusión, e máis alá disto a súa influencia é tamén obvia e fundamental en termos sociais e económicos. A produción destinada ao marisqueo e o seu potencial turístico dependerá do coidado que teñamos con ela. E non se están a facer as cousas ben.
En 2013 a Unión Europea advertía de posibles sancións polo deficitario estado de saneamento das rías galegas. Lonxe de resolverse, en 2014 o Tribunal Superior de Xusticia Europea  anunciaba unha sanción de 45 millóns de euros a España por erróneo tratamento das augas residuais urbanas, apuntando a 17 puntos de todo o territorio dos que 2 (Ribeira e Santiago) teñen consecuencias na Ría de Arousa, e son responsabilidade de Concellos e Xunta sen ser quen de resolver este problema. Galicia estaba en 2009 por riba dos 6500 permisos de marisqueiros, hoxe non chega aos 4000, perda que tivo a súa principal fenda na Ría de Arousa. A última campaña de libre marisqueo ofreceu un balance dun 25% menos de cantidade que o ano anterior. Esmorecen as oportunidades e a produción da ría. E a Xunta fai oídos xordos poñendo, cada día, máis paus nas rodas ás persoas traballadoras do mar e ás confrarías.
Hoxe existe, ademais, un profundo medo polas profundas incertidumes e as poucas claridades sobre o proxecto da mina de Touro. Canto mal fai esconder a información, porque so esconde as cousas quen ten algo que non quere que se saiba. E iso da medo.
Turísticamente seguimos estancados. O perigo do incendio que se iniciou en Cortegada en 2015 foi solventado, man a man, caldeiro a caldeiro, polas persoas que se embarcaron no porto de Carril e acudiron a apagalo. Dende aquela o único que se coñece da Xunta é o pasotismo por dotar de medios anti-incendios, dun plan de protección, dunha posta en valor cun centro de interpretación... Polo menos non se puxo unha pasarela a Cortegada, que igual acababa conectada cun teleférico á praia fluvial de Castrogudín. 
Lentas son as melloras para protexer a flora do admirable parque natural do Carreirón, e nulas en Os  Pasales onde o gran medo está en saturar a xa sobrepasada EDAR de Meaño coa conexión do polígono de Nantes solo porque o quere o todopoderoso, e actualmente triste noticia xudicial, alcalde  de Sanxenxo.
A Ría de Arousa merece un plan especial, que dote de consistencia ás actuacións sobre ela, que sexan decisións reais, con fondos e prazos. Non anuncios que se tapan con máis anuncios e propaganda. Intervencións, medidas de protección e de aproveitamento. O resto non é aceptable. Hai poucos días un home co que compartín unha conversa fíxome unha apreciación fundamentada na súa profunda convicción relixiosa, que me deu moito que pensar: Deus perdoa sempre, as persoas ás veces, pero a natureza nunca. Tomemos nota.

Tomarse en serio a Ría de Arousa

Te puede interesar