jueves 14.11.2019

Trampas

Escoito a Guardiola, ou a Xavi Hernández, falar da situación de Catalunya e sigo pensando en que é importante, case necesario, que persoas de relevancia pública tomen posición e opinen. O cine e parte da música tivo sempre ese papel en España, pero é saudable que as opinións non se limiten ao nihilismo habitual ou ao silencio de tantos e tantas. É certo, non entanto, que este país estigmatiza e etiqueta de maneira lamentable. Creo que tanto Guardiola como Xavi están profundamente equivocados, e paréceme moi obvio, pero celebro que opinen. Presumir de defender a liberdade de expresión pero logo querer machacar ao que fala é incongruente. Ocorre, tristemente, que queremos liberdade para os que pensan coma nos, pero iso é trampa.

Fixéronlle trampas a moitos milleiros de persoas aos que contaron, sistemática e repetitivamente, que era posible unha independencia de Catalunya só porque Puigdemont saira a un balcón a dicilo. Fan trampas os que din que unha sentenza vai resolver as cousas e mañá debería funcionar todo coma se nada pasara. Fai trampas quen sae a poñerse diante dos manifestantes a retar e desafiar provocando a tensión, e probablemente buscando unha agresión para vitimizarse. Fai trampas quen alimenta a violencia pero logo di que son infiltrados. Fai trampas quen pide diálogo pero négalle o recoñecemento ao outro. Fai trampas quen se salta a lei en nome da democracia. Fai trampas quen cre que a democracia é que o outro lle de a razón. 

É entristecedor ver como se pretende negar as opinións discrepantes coa propia, e apelar moito á dignidade e á decencia. Hai un problema político en Catalunya, porque hai dous millóns de persoas que non se senten representadas polo seu país, que se queren independizar. Non son 3, nin 10. Son dous millóns. E non podemos negar ou desprezar esa realidade. E hai outro tanto que pensa o contrario, e son tan cataláns uns como outros. E non, non é posible que alguén sosteña que España é un país fascista. Moito lles gusta falar de fascismo aos que nunca o viviron.

Nada se resolverá mañá, porque lévase moito tempo botándolle gasolina ao conflito. Pero debemos traballar para que en 10 anos vexamos este escenario como un erro histórico. E para iso facemos falta todos para falar de todo. De todo. Ninguén vai gañar, pero trátase de que ninguén perda, salvo os que queren destruílo todo. E para iso non podemos facernos trampas.

Trampas
Comentarios