De Valerón a Companys, pasando por Ernest Lluch

O 21 de novembro de 2000 chegaba a España unha patera con máis de 40 inmigrantes, anunciábanse medidas para promover a igualdade laboral entre homes e mulleres e o Deportivo convertíase no primeiro equipo español en gañar no Parque dos Principes de París con goles de Naybet, Turu Flores e Makaay. Se non fora polo que se bota de menos a Valerón, o mundo non parecería ter cambiado moito. 
Pero si, fíxoo. O 21 de novembro de 2000 a Ernest Lluch, o ministro que promoveu e aprobou a lei que implantou a sanidade pública e universal en España, disparáronlle dous tiros no garaxe da súa casa. Morreu no acto, e quedou tirado coma un can entre dous coches ata que o atoparon máis de dúas horas despois.
Ernest Lluch foi un convencido do diálogo. A periodista e súa boa amiga Gemma Nierga afirmou que “incluso cos que o mataron, Ernest tería intentado dialogar”. Foi vilipendiado por ser socialista, pero tamén por deixarse todos os esforzos en resolver os problemas integrando e non separando, como defendía sobre o nacionalismo vasco ao que non quería afastar senón sumar na solución. Un dos seus últimos actos públicos foi unha homenaxe a Companys, representante histórico e dignísimo do republicanismo catalán, acto no que estiveron tamén membros da esquerda abertxale vasca e polo que Lluch foi duramente criticado. Con todos. Estivo con todos. Quixo falar con todos.
Probablemente por eso o mataron. Porque tendía pontes, e os salvaxes odian as pontes. Necesitan o conflicto. Viven para el, grazas a el. Provócano, aliméntano. E moitas veces existen os que aplanan o camiño para eles, ás veces incluso sen sabelo porque os salvaxes necesitan arietes, tontos útiles, que non sexan moi listos para que non saiban que están traballando polo seu propio mal.
Un 21 de novembro, xa agora en 2018, existen outros rostros, outros problemas, pero existen tamén conflictos. E volvemos a ter a mesma dicotomía. Dialogar ou confrontar. Probablemente, a Companys nunca se lle ocurriría escupirlle a alguén como Ernest Lluch, nin utilizar a inmensa honra que supón representar á cidadanía dende a política para convertirse nun torpe bufón. 
Foi a política a que resolveu conflitos, por favor que a política non sirva para crealos. Deste 21 de novembro en política eu lembrarei a Ana Pastor e Josep Borrell afirmando “o valor da palabra”, dende o maior respeto e honra ao que a política debe ser. Debémosllo a Companys, a Ernest Lluch e a toda unha cidadanía de antes, de hoxe e de mañá.

De Valerón a Companys, pasando por Ernest Lluch

Te puede interesar